Nova: Artesanía e vangarda, visitas comentadas e un vermú musical para celebrar o Día dos museos

18/05/2019

Artesanía e vangarda, visitas comentadas e un vermú musical para celebrar o Día dos museos

A actividade estrela do programa é o obradoiro colectivo de cestería ‘Enleadas’, coas artesás Idoia Cuesta e Julia de la Cal, no que se está a tecer a ducias de mans unha grande estrutura de vimbio que adornará o Hall do Museo Centro Gaiás

O programa, dirixido a público familiar e enteiramente de balde, prolóngase durante toda a tarde e, no caso dalgunha das actividades, tamén o domingo

A edición deste ano desta efeméride internacional celébrase baixo o lema ‘Os museos como eixos culturais: o futuro da tradición’

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2019.- Este sábado o Museo Centro Gaiás volve ser un fervedoiro de actividade con motivo dos festexos do Día Internacional dos Museos (DIM19). A Cidade da Cultura está a desenvolver durante toda a xornada un amplo programa, enteiramente de balde, que inclúe edicións especiais das visitas comentadas ás exposicións, obradoiros e demostracións de artesanía que conxugan tradición e creación contemporánea e unha sesión vermú con piano-bar e ambientación anos 30.

A actividade central do programa está a ser o obradoiro colectivo de cestería Enleadas, impartido por dúas das nosas creadoras artesás máis vangardistas e internacionais: as cesteiras Julia de la Cal e Idoia Cuesta –Premio Nacional de Artesanía 2014 e creadora de pezas que teñen chegado á Pasarela Mercedes Benz Fashion Week de Madrid xunto á deseñadora Sara Coleman ou á firma LOEWE–.

Neste obradoiro, que continúa tamén pola tarde e durante toda a xornada do domingo, estase a crear de xeito colectivo unha escultura con vimbio buff aplicando a técnica da 'cestería intuitiva', un xeito de tecido ao azar, tamén chamado técnica niño porque está inspirado na maneira en que os paxaros tecen os seu niños na natureza.

As persoas participantes están a crear así, baixo a dirección das artesás e sen necesidade de coñecementos previos en cestería, diversos volumes e figuras de gran tamaño con formas orgánicas que fluirán no hall do Museo Centro Gaiás. Ata setembro ficará instalada alí esta grande escultura coral, elaborada coas achegas dunhas 80 persoas que están a pór o seu grao de area tecendo e entrelazando varas de vimbio sobre a estrutura inicial. Precisamente o título da actividade, Enleadas, quere facer referencia tanto ao 'enleado' do vimbio para tecer as pezas, como á implicación da colectividade para crear en conxunto esta peza única de artesanía.

Demostracións de sancosmeiros e torneado cerámico

O Día Internacional dos Museos organízase este ano baixo o lema Os Museos como eixos culturais: o futuro da tradición, unha temática que precisamente está moi presente nas exposicións que se poden visitar actualmente no Museo Centro Gaiás –Pensar coas mans: cestería, cerámica e xoiería en Galicia e Valor e mestría. Galicia como fútbol–, e que enxalzan a nosa tradición como alicerce cultural e como valor de futuro da vangarda artística.

O feito a man está pois moi presente durante toda esta xornada festiva e a programación inclúe varias demostracións e obradoiros de técnicas artesás, destinados a público familiar, no espazo habilitado para tal fin na mostra Pensar coas mans.

As persoas que se acheguen durante todo o día poden por exemplo ver e aprender, da man da Asociación Cultural De Antes, como se elaboran os tradicionais, fermosos e útiles sancosmeiros. A técnica de fabricación destes chapeus de palla, baseada no sistema que empregaban as mulleres ao trenzarse o cabelo, permitiu que, ademais de sombreiros, puidesen fabricarse cestas, bolsas e moitos máis obxectos.

Pola súa banda, os artesáns Susana González, Antón Román e Roberto Piñeiro imparten un segundo obradoiro-demostración, neste caso de torneado cerámico –que tamén continúa durante o domingo–. Trátase dunha excelente oportunidade para coñecer esta disciplina artesá, ver como se traballa nun oficio con tanto peso e arraigamento no noso patrimonio e incluso sentar ao torno para modelar o barro coas propias mans e levar para a casa unha pequena peza de recordo.

Visitas especiais

O programa do DIM19 complétase con edicións especiais das visitas comentadas ás dúas exposicións que actualmente acolle o Museo Centro Gaiás, Pensar coas Mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia e Valor e mestría. Galicia como fútbol, guiadas polos comisarios das mostras, Verónica Santos e Rubén Ventureira. Tamén o Gaiás Secreto programa unha edición especial, para coñecer a arquitectura do complexo dun xeito diferente, accedendo a espazos habitualmente restrinxidos.

Sesión vermú anos 30

Para pórlle o toque lúdico a esta xornada festiva, o Hall do Museo Centro Gaiás acolle tamén unha sesión vermú ambientada nos anos 30 co grupo Le BarLuthier e a música do seu piano-bar e o patrocinio de Petroni e Aguas de Mondariz.

Comparte