Nova: ‘Neorretranca e posmorriña’ inicia os talleres escénicos para a cativada

12/04/2019

‘Neorretranca e posmorriña’ inicia os talleres escénicos para a cativada

A compañía pública ofrece este servizo gratuíto para que os cativos poidan gozar dun obradoiro impartido por Elea López na Fundación Granell de Santiago mentres os seus maiores asisten á representación do espectáculo no Salón Teatro

Gena Baamonde dirixe a nova produción propia do Centro Dramático Galego, que poderá verse en Santiago ata o 5 de maio

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019.- O Centro Dramático Galego (CDG) inicia pasado mañá os Domingos de Conciliación asociados á representación da súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, no Salón Teatro de Santiago. Trátase dun servizo gratuíto pensado para que os nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.

Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, volverá ser a encargada de impartir estes obradoiros na Fundación Granell, onde os cativos pasarán unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.

Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase os domingos 14, 21 e 28 de abril e 5 de maio, de 17,30 a 21,00 h. O Centro Dramático Galego habilitou un máximo de 30 prazas para cada un dos días, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto de xoves a sábado, de 18,30 a 20,30 h, e os domingos, de 16,00 a 18,00 h.) como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)

Neorretranca e posmorriña é o título da nova produción propia que a compañía pública estreou onte na súa sede compostelá baixo a dirección escénica de Gena Baamonde e cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.

Esta proposta agrupa dúas pezas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa estética, coa reflexión sobre a identidade galega como punto de partida común: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

Funcións e venda de entradas

O espectáculo poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.

A venda anticipada de entradas está dispoñible a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A partir da estrea, poderán mercarse tamén no despacho de billetes da sede do Centro Dramático Galego, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador no Salón Teatro.

Comparte