Nova: Unha exposición recompila pertenzas documentais e artísticas do Padre Feijoo

14/10/2014

Unha exposición recompila pertenzas documentais e artísticas do Padre Feijoo

O Museo Arqueolóxico provincial de Ourense organiza a mostra O Padre Feijóo. Cidadán libre da República Literaria, que foi inaugurada polo presidente da Xunta

  • Exposición 'O padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria' Exposición 'O padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria'
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da mostra O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración da mostra

Ourense, 13 de outubro de 2014.- O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense rende homenaxe á figura do pensador  Padre  Feijoo no 250 aniversario do seu pasamento a través da exposición: O Padre Feijóo. Cidadán libre da República Literaria, que este luns se inaugurou no Centro Social Afundación. A mostra está formada por unha selección de pezas pertencentes aos fondos do museo, así como por unha serie de obxectos documentais e artísticos procedentes de outras institucións e particulares.

O acto inaugural da exposición contou coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Manuel Baltar; o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez e o director do Museo Arqueolóxico, Xulio Rodríguez, entre outras autoridades da vida social e cultural galega.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o achegamento á figura do Padre Feijoo “fainos atopar un home que constrúe pontes”, e destacou que a súa obra esboza “os grandes valores que impregnan a nosa cultura democrática”. Así o manifestou esta tarde na inauguración da exposición O padre Feijoo. Cidadán libre da República literaria.

O mandatario galego sinalou que o Padre Feijoo foi “un cidadán libre que buscou a liberdade a través da verdade” e que, “facendo dela un facho, alumeou unha nova visión da fe, da razón, dos dereitos da muller, de Galicia e de España. Foi un cidadán da sabedoría que quizais algún día soñou que aquelas palabras súas serían semente dun tempo novo”, abundou.

Salientou que se trata dun autor “involucrado co seu tempo”, e que na súa obra “concilia a razón coas crenzas relixiosas, establecendo un diálogo que se adianta en séculos ao que agora xa é algo asumido sen demasiadas controversias”.

O Padre Feijoo, dixo, “é un galego de berce, formación e pensamento”. Así, apuntou que o seu primeiro mundo foi Pereiro de Aguiar, e os chanzos primeiros da súa formación estiveron en Allariz, Santo Estevo de Ribas de Sil, Samos e Pontevedra. Segundo destacou, é un autor consultado como refrente intelectual e a súa obra, na que “tivo tempo de defender o idioma galego e achegar propostas anovadoras para a vida económica e social de Galicia”, dixo, foi traducida ás principais linguas europeas. Propostas, agregou, “para aquela España que se resituaba en Europa sen esquecer que a mellor maneira de ser español era ser galego”.

O presidente da Xunta concluíu destacando a vixencia do pensamento do Padre Feijoo, e asegurando que os visitantes da mostra “non atoparán un vestixio do pasado, senón algo seu e do seu tempo. Sentirán que son portadores de valores que merecen ser conservados”, indicou.

 

Comparte