Nova: O CGAI súmase ao centenario de Picadillo con dúas sesións especiais

17/12/2018

O CGAI súmase ao centenario de Picadillo con dúas sesións especiais

As xornadas estarán dedicadas ao popular gastrónomo e alcalde coruñés

A filmoteca galega estrea mañá martes o documental Picadillo: o peso da cociña galega, producida por Formato Producciones con subvención da Agadic

O mércores 19 proxectaranse catro pezas videográficas do fondo documental do Centro Galego de Artes da Imaxe e reporase a longametraxe sobre o Grupo Nove Cociñando na fin do mundo

A Coruña, 17 de decembro de 2018.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) programa os vindeiros días na Coruña dúas sesións dedicadas a Picadillo, pseudónimo de Manuel María Puga y Parga, popular gastrónomo que fora alcalde da Coruña en 1914 e 1917. A filmoteca galega contribúe deste xeito á celebración do seu centenario coa estrea do documental sobre a súa figura realizado por Formato Producciones e coa proxección doutros títulos relacionados coa cociña e os cociñeiros galegos.

Así, mañá martes ás 20,30 h terá lugar a presentación de Picadillo: o peso da cociña galega, película con guión e dirección de Breogán Riveiro e produción executiva de Andrés Barbé para Televisión de Galicia, que contou cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a súa realización.

O documental debulla a vida de Picadillo través da súa lendaria bonhomía, de anécdotas vitais (o protagonista foi autor de numerosos libros de gastronomía, colaborador xornalístico, político...) e de receitas, o que permite tamén unha achega ao panorama culinario galego da actualidade. A través del coñeceremos aos Picadillo da actualidade (Pepe Solla, Lucía Freitas, Javier Olleros...), pero tamén a Emilia Pardo Bazán e a Álvaro Cunqueiro; así como a expertos en gastronomía e a festas populares. O filme, con interpretacións a cargo de Tacho González e Irene Riveiro, defende que o presente e o futuro da cociña galega constrúese en base a un pasado, polo que o obxectivo do documental é ver a historia en perspectiva.

A homenaxe completarase o mércores 18 con outras proxeccións de temática gastronómica. Ás 18,00 h. pasaranse catro pezas en vídeo do arquivo do CGAI: Betanzos (fondo Foto Blanco, c.1950), un fragmento de La Coruña al día (Armando Hermida Luaces, 1959), Lúpulo (Marqués de Villa-Alcázar, 1951) e Lúpulo y cerveza (NO-DO, 1957), que tratan o cultivo desta herbácea promovido pola entón Sociedad de Fomento de Lúpulo na comarca de Betanzos para dedicalo á industria cervexeira da época.

E como remate, a partir das 20,30 h. o CGAI reporá Cociñando na fin do mundo, a longametraxe documental sobre os cociñeiros integrantes do Grupo Nove, dirixida en 2015 por Alberto Baamonde Bello con guión de Alexandre Cancelo. Producido por EsmerArte, o proxecto, que fora tamén apoiado pola Agadic, estreouse no 63º Festival de San Sebastián, exhibiuse nas pantallas de catro continentes e acadou o Premio Álvaro Cunqueiro de Periodismo Gastronómico.

A entrada a todas as sesións é libre ata completar a capacidade da sala.

Comparte