Nova: Espazos Sonoros chega á súa fin cunha andaina pola ruta dos muíños e un concerto de Romanza en San Xiao de Moraime (Muxía)

06/10/2018
Espazos Sonoros chega á súa fin cunha andaina pola ruta dos muíños e un concerto de Romanza en San Xiao de Moraime (Muxía)
Aínda que as prazas para a andaina están cubertas, o concerto na igrexa é de entrada libre ata completar capacidade
Desde o 1 de setembro desenvolvéronse oito concertos en espazos singulares que uniron a música co patrimonio cultural e a natureza
Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2018.- Espazos Sonoros, a proposta da Consellería de Cultura e Turismo de músicas en espazos de interese cultural, chega este domingo á súa fin cunha ruta de muíños e un concerto de Romanza en San Xiao de Moraime (Muxía). Aínda que a cota de prazas está novamente completa, o concerto é de entrada libre ata completar capacidade.
A primeira actividade é unha andaina pola ruta dos muíños, que comezará ás 12:00 horas no adro da igrexa de San Xiao de Moraime. Xunto á ría de Camariñas, no concello de Muxía, erguíase o único mosteiro histórico da Costa da Morte, San Xiao de Moraime, cuxas primeiras fontes documentais se remontan ao século XI. A historia do lugar retrotráese a épocas mesmo anteriores, porque nas súas proximidades atopáronse restos dunha necrópole romana ou visigótica. A comezos do século XII, o lugar sufriu ataques normandos e almorábides e a partir do 1119 comeza a construción do templo románico que hoxe coñecemos.
A orixe de Muxía (o propio nome da vila deriva do termo “monxía”, terra de monxes) está directamente relacionada con este cenobio beneditino, como o está tamén o famoso santuario da Virxe da Barca, xa que os monxes evanxelizaron ese lugar onde aínda sobrevivían rituais pagáns relacionados coas rochas.
Concerto de Romanza
Posteriormente, ás 19:00 horas terá lugar o concerto de clausura de Espazos Sonoros, que correrá a cargo de Romanza e celebrarase na igrexa de San Xiao. Este conxunto de recente formación propón un programa que ten como protagonistas os sons sutís e refinados da arpa e do órgano portativo, que se entrelazan coa voz humana para transportar a audiencia ás sonoridades e á estética do medievo.
O punto de partida será o repertorio das sete cantigas de amigo de Martín Códax, recollidas no Pergamiño Vindel, que viaxou en 2017 a Galicia procedente de Nova York. Neste percorrido polas cantigas codacianas tamén se realizará un achegamento á lírica trobadoresca occitana e ás Cantigas de Santa María da lírica galego-portuguesa, unha das coleccións de cancións monofónicas máis importantes da literatura medieval occidental, compostas baixo o mecenado do rei Afonso X o Sabio.
Composto por tres experimentadas e prestixiosas personalidades da música antiga –entre elas, o internacionalmente recoñecido arpista galego Manuel Vilas–, este conxunto vocal e instrumental preséntase coa intención de explorar os repertorios da música medieval peninsular e occitana, ademais de realizar incursións en repertorios máis tardíos, como a chamada “chanson” borgoñoa ou os vilancicos renacentistas. No seu traballo buscan rescatar unhas sonoridades históricas xa esquecidas, para o que empregan réplicas de instrumentos orixinais coas que recrean sons transparentes e puros, ao que suman as súas diferentes experiencias creativas e estéticas, co fin de construír unha linguaxe común caracterizada pola introspección e a elegancia.
Difusión do patrimonio cultural galego
A undécima edición do festival Espazos Sonoros 2018 comezou o 1 de setembro e, desde entón, desenvolvéronse oito concertos en espazos singulares do patrimonio galego. A música, a arquitectura e a paisaxe volveron ser protagonistas deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura e Turismo. Un ciclo que este ano –no que se celebra Ano Europeo do Patrimonio Cultural– favoreceu o achegamento a edificacións históricas dos concellos de Ribeira, Sobrado, Baiona, Amoeiro, Foz, Castrelo de Miño, O Incio e Muxía, a través dunha programación musical que tamén incluíu andainas, visitas guiadas e obradoiros.
A programación completa está recollida en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.