Nova: O M.Sancho Quartet leva o sábado á Casa Grande de Trasalba a música de cámara, dentro do ciclo Espazos Sonoros 2018

13/09/2018

O M.Sancho Quartet leva o sábado á Casa Grande de Trasalba a música de cámara, dentro do ciclo Espazos Sonoros 2018

O concerto, de entrada libre ata completar o espazo, poralle o ramo a unha xornada literaria arredor de Otero Pedrayo, para a que xa están as prazas cubertas

O domingo, a andaina que segue as pegadas do Mariscal Pardo de Cela na fortaleza da Frouseira, en Foz, rematará cun concerto das frautistas VIVID Consort

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2018.- Esta fin de semana, Espazos Sonoros, o ciclo de músicas en espazos de interese cultural da Consellería de Cultura e Educación, visita a Casa Grande de Trasalba, en Amoeiro (Ourense), sede da Fundación e da Casa Museo de Ramón Otero Pedrayo. Alí terá lugar unha xornada literaria e de lecer arredor da figura do excelso autor, na que as 50 persoas inscritas poderán gozar dun percorrido literario pola contorna, a cargo da profesora e escritora especializada en Otero Pedrayo Patricia Arias Chachero.

Despois dunha visita á casa familiar, terá lugar unha charla sobre Domingo Fontán, autor da Carta geométrica de Galicia, o primeiro mapa físico da comunidade, do que se atopa un exemplar na casa. O director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Pablo Sánchez Ferro, será o encargado de lembrar a figura e o legado do científico galego.

As prazas para participar nesta actividade están cubertas, pero o público que o desexe poderá asistir ao concerto que ofrecerá M.Sancho Quartet para pechar a xornada, a partir das 19:00 horas, con entrada libre ata completar a capacidade do lugar. A formación, liderada pola clarinetista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Vigo Marta Sancho, ofrecerá –baixo o título Cando as emocións transcenden as épocas– un repertorio que abrangue obras de diferentes períodos, compostas para conxunto de clarinete e cordas, de autores como Emil Hartman, Bernhard H. Crusell, Gloria Rodríguez Gil ou David Cuevas.

Para a directora artística do programa, Belén Bermejo, o contexto no que terá lugar o recital, a Casa Grande de Trasalba, onde o intelectual pasou longas tempadas na infancia e onde se retirou despois da guerra civil, enriquece a experiencia dun programa que presenta xa un grande atractivo.

Visita á fortaleza da Frouseira

O domingo, Espazos Sonoros trasládase a Foz, en Lugo, onde ás 15:00 horas e na compaña do historiador Anselmo López Carreira se fará unha andaina ata o miradoiro da Frouseira, a antiga fortaleza na que se conta que o mariscal Pardo de Cela resistiu durante anos o asedio dos exércitos dos Reis Católicos. Na ruta de volta farase unha visita comentada á igrexa de San Martiño de Mondoñedo.

Será nesa basílica onde terá lugar despois, a partir das 19:00 horas, o concerto da formación vocal e instrumental VIVID Consort, integrada por tres frautistas virtuosas unidas pola súa paixón pola música antiga. Christine Gnigler, Sheng-Fang Chiu e Lorina Vallaster ofrecerán un programa vocal e instrumental con músicas de finais de Idade Media e comezos do Renacemento, de autores como Enrique VIII, Thomas Bateson, Josquin Desprez, Antoine Brumel, Elway Bevin ou William Byrd, entre outros.

Tanto a ruta como o recital son abertos ao público e non precisan de inscrición previa.

Actividades do ciclo que precisan inscrición

Para o obradoiro de achegamento á musica antiga, que terá lugar o domingo 23 de setembro, na praza diante da igrexa de Santa María de Astariz, en Castrelo de Miño, as prazas están xa cubertas.

E o sábado 15 de setembro abre o prazo para inscribirse na ruta polo patrimonio arqueolóxico, xeolóxico e industrial do Incio, en Lugo. Os interesados en descubrir os tesouros desta zona teñen ata o día 26 para reservar praza. O concerto de peche, como vén sendo habitual, será aberto a todo o mundo mentres quede espazo dispoñible e terá lugar a partir das 19:00 horas en San Pedro Fiz do Hospital. Nesta ocasión, o espectáculo correrá a cargo de PER-SONAT, un proxecto fundado en 2008 baixo a dirección artística de Sabine Lutzenberg, unha das figuras máis relevantes da actualidade no eido da interpretación vocal de música antiga.

A programación completa da undécima edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal.

Comparte