Nova: Entregados os Premios da Cultura, Investigación e Novos Valores de Pontevedra

02/10/2014

Entregados os Premios da Cultura, Investigación e Novos Valores de Pontevedra

Os galardóns buscan fomentar a creatividade, a innovación e o desenvolvemento científico

  • Premios de Cultura, Investigación e Novos valores da Deputación de Pontevedra Premios de Cultura, Investigación e Novos valores da Deputación de Pontevedra

Pontevedra, 2 de outubro de 2014.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou hoxe no acto de entrega dos premios á Cultura 2013, de Investigación 2013 e dos galardóns do Certame Novos Valores de Artes Plásticas de 2013 outorgados pola Deputación de Pontevedra; onde salientou que grazas “a unha xestión eficaz dos recursos públicos no ámbito cultural, hoxe podemos sentirnos orgullosos de ter consolidado un sistema de prestixio, que nos permite ofrecer, dentro e fóra da nosa Comunidade, manifestacións creativas do mellor nivel.”

Durante a súa intervención o conselleiro sinalou ademais que “os nosos nomes máis representativos, no plano da cultura, soan hoxe nacional e internacionalmente. Pero moitos deles comezaron a ter un peso específico cando acadaron galardóns como estes”. E, por outra banda, respecto dos premiados dixo que “este día marcará un punto de apoio moi importante para a súa traxectoria creadora”.

O salón de plenos do Pazo provincial acolleu a entrega destes galardóns instituídos pola Deputación de Pontevedra co fin premiar a creatividade e a investigación na provincia como alicientes para fomentar a cultura, a innovación e o desenvolvemento científico. O acto foi presidido polo titular da Deputación, Rafael Louzán.

Premios á Investigación 2013
Os Premios á Investigación 2013, orientados a promover a xeración de coñecemento científico na provincia, outorgáronse en diferentes categorías. Así, os galardóns ás teses de doutoramento en Humanidades e Ciencias Sociais (Ex Aequo) foron para Óscar Briones Gamarra, por “Factores determinantes en la construcción de la Fundación de recursos humanos autonómica”; e para Olalla López Costas, por “Antropología de los restos óseos humanos de Galicia”. No caso das teses de doutoramento en Ciencias e Tecnoloxía foron recoñecidos (Ex Aequo) os traballos “Cuantificación del color en el estudio de la formación de Biofilms en rocas graníticas del Patrimonio histórico artístico”, de Patricia Sanmartín Sánchez; “Mejora del rendimiento de la red GENSO de seguimiento de satélites mediante la introducción de capacidad de Soft-Handover entre estaciones”, de Antonio José Vázquez Álvarez; e “Detención y validación de marcadores de diagnóstico del derrame pleural maligno”, de Nuria Sánchez Otero.

O premio aos Novos Investigadores en Humanidades e Ciencias Sociais foi para Sonia Otero Pereira, por “La ilustración de los Sainetes de Ramón de la Cruz en el siglo XIX: la edición popular de J.M Faquineto”; e para Alberto Sánchez Cancelas, por “Cileni: Etnicidad y religión (1982); mentres que o de Ciencia e Tecnoloxía recaeu en “El potencial de las geotecnologías como herramientas de digitalización masiva dirigidas al inventario e inspección de infraestructuras”, de Pedro Arias Sánchez.

Premios aos Novos Valores e á Cultura
No caso dos galardóns aos Novos Valores de Artes Plásticas, o xurado recoñeceu a creatividade de Marcos Jesús Covela Mira (primeiro premio), pola súa obra “Reverso (2014)”; Íñigo Almeida Estévez (segundo premio), por “O Fió”, e os de Rodrigo Domínguez Rodríguez e Iria Cortizo Franco (terceiro premio), por “Estudo dun desfeito #1” e “El almuerzo desnudo”, respectivamente. O cuarto premio foi para Arantza Pardo Barbeito, por “Chaos Study”; María González Sánchez, por “Bomba”; e Elías Alberto Pintos Arís, por “Simulación 10/12/2013”

O premio á cultura que recoñece a traxectoria artística do ponteareán Silverio Rivas Alonso, escultor de recoñecido prestixio que ten obras expostas nos museos máis importantes non só de Galicia senón tamén de fóra das nosas fronteiras, levouno Ventura Alejandro Pérez Suárez, polo seu traballo “A Cidade Neutra”. Mentres que Elena Colmeiro González, foi galardoada pola súa traxectoria cultural.

A Asociación Cultural pola Creación Artística Enfoques foi a merecedora do galardón ó proxecto cultural máis innovador e vangardista; mentres que o galardón á Protección e Recuperación do Patrimonio Público e Arquitectónico foi para o Concello de Barro polo seu labor de recuperación e dinamización.

Finalmente, o premio César Dios ‘Diosiño’, recaeu ex aequo na Banda de Música La Unión de Lantaño e na Asociación Cultural Unión Musical de Meaño.

Comparte