Nova: Crearase un Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia para distinguir os mellores proxectos destas institucións

22/06/2018
Crearase un Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia para distinguir os mellores proxectos destas institucións
O secretario xeral de Cultura anunciou hoxe na reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria a próxima creación deste galardón
O Goberno galego tamén realizará este ano a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, co fin de favorecer espazos de encontro para a reflexión e o intercambio de experiencias en materia bibliotecaria
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria porá en marcha proximamente o Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia, que nace co obxectivo de distinguir proxectos ou boas prácticas innovadoras das bibliotecas públicas da comunidade autónoma. A posta en funcionamento de servizos innovadores, a cohesión e a inclusión social, a biblioteca dixital e a sustentabilidade ambiental son algunhas das áreas nas que se deberán enmarcar os proxectos que opten á consecución do galardón.
Así o comunicou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia, onde tamén avanzou o interese do Goberno galego por levar a cabo este ano a I Xornada de Bibliotecas Públicas de Galicia, co fin de favorecer novos espazos de encontro para a reflexión, o diálogo e o intercambio de experiencias en materia bibliotecaria.
Novo programa de xestión bibliotecaria
Tamén fixo fincapé Anxo Lorenzo no novo programa de xestión bibliotecaria para a Rede de bibliotecas públicas de Galicia, que inicia a súa terceira fase de implantación co fin de incorporar ao sistema, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, un total de 80 novos centros bibliotecarios.
Outro dos puntos que centraron a orde do día da xuntanza foron as recentes melloras da plataforma para o préstamo en liña de materiais electrónicos nas bibliotecas GaliciaLe, con máis de 1.600 libros dispoñibles e que incorporou o pasado mes de abril un catálogo audiovisual con preto de 80 títulos de produtoras galegas.
As liñas de subvencións en materia de bibliotecas que están en marcha actualmente, as novidades do programa de dinamización da lectura nas bibliotecas Ler conta moito, os estudos recentes sobre a situación das bibliotecas públicas municipais realizados ao abeiro do Mapa de bibliotecas de Galicia e as actuacións levadas a cabo no marco do Plan Lía de bibliotecas escolares completaron os temas tratados na reunión.
Consello de Cooperación Bibliotecaria
Entre os principais obxectivos do Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia están actuar como órgano de información, consulta e asesoramento sobre as políticas bibliotecarias de Galicia e potenciar a cooperación entre todas as administracións con competencias no sistema bibliotecario galego. As bibliotecas municipais, as universitarias e as escolares están representadas neste órgano, no que tamén participan o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad Galicia).