Nova: A mostra Colección CGAC 25 percorre o primeiro cuarto de século de historia do museo

01/06/2018
A mostra Colección CGAC 25 percorre o primeiro cuarto de século de historia do museo
A mostra temporal que se inaugura esta tarde da conta do papel protagonista desta institución a través dun total de 89 pezas escolmadas e subliña a súa función transformadora como centro cultural
O conselleiro de Cultura e Educación destacou que para comprender o CGAC o mellor modo de facelo é tomándolle o pulso ao corazón do museo, á súa colección
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2018.- O Centro Galego de Arte Contemporánea inaugura hoxe a mostra Colección CGAC 25, conmemorativa do primeiro cuarto de século de vida deste centro. Así o explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no acto informativo celebrado esta mañá no que destacou o “papel protagonista” do centro durante este período, “polos artistas que lle deron vida, os profesionais que o mantiveron e guiaron, e os visitantes que acudiron para enriquecerse persoalmente coa súa actividade".
Nesta rolda de prensa de presentación, na que tamén tomaron parte o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do CGAC, Santiago Olmo, o conselleiro agradeceu o traballo de todos os profesionais do centro ao longo da súa historia e destacou o carácter de espazo aberto do museo. “Aberto –concluíu Rodríguez– aos artistas e o ecosistema cultural galego, á arte nacional e internacional, pero sobre todo, ás persoas, ao público, construíndo cos visitantes novas relacións máis proveitosas, que afonden no patrimonio simbólico que custodia e difunde”.
Esta mostra, comisariada por Santiago Olmo, percorre o primeiro cuarto de século de historia do CGAC a través dun total de 89 pezas escolmadas entre as 1.276 que conforman a colección. A exposición subliña a súa función transformadora como unha institución cultural que integra a función de museo, a de centro de arte que innova con proxectos expositivos temporais e, finalmente, como arquitectura internacional e referente de modernidade, facéndolle así unha homenaxe ao edificio proxectado por Álvaro Siza e inaugurado agora hai 25 anos.
25 anos en tres seccións
O novo proxecto expositivo, Colección CGAC 25, está dividido en tres seccións e permanecerá aberto desde o 1 de xuño até o 30 de setembro. A primeira parte mantén unha estrutura de carácter histórico e cronolóxico, centrada no punto de partida da colección, con obras producidas entre os anos 50 e os 70. Inclúe obras de artistas como Mampaso, xa presente no anterior proxecto da colección Modelo x armar, completada agora con pezas dos 70 de artistas como Novoa ou Mantecón.
Este apartado afonda na creación dun contexto español e internacional para a arte galega, o que ademais constitúe desde o principio da colección unha constante e un obxectivo nuclear do museo.
Unha segunda sección establece unha reconsideración do papel desempeñado polo museo a partir da súa colección e a súa programación. Moitas das pezas que compoñen a segunda sección da exposición poñen de relevo o proceso de internacionalización que o CGAC levou a cabo en Galicia a partir dos anos noventa.
Unha programación expositiva renovadora e punteira determinou a adquisición de obras singulares que vertebraron exposiciones tan significativas como as de Vito Acconci, Leiro, Xavier Toubes, Karin Sander, James Cassebere, Jürgen Partenheimer, Ricardo Basbaum ou Tono Carbajo. Neste mesmo apartado, inclúese unha peza de Berta Cáccamo, recentemente falecida, como homenaxe e recordo ás súas dúas exposicións no CGAC en 1998 e no 2016.
A terceira parte da mostra resalta a importancia do proxecto arquitectónico a través dun nutrido núcleo de obras que dialogan e se inspiran na arquitectura de Siza Vieira. A sede do CGAC foi inspiración e punto de partida de múltiples proxectos e obras de arte. Entre os que se destacan na mostra, está o traballo fotográfico de Günther Förg na Facultade de Xornalismo da USC ou aquel realizado por Juan Araujo para o CGAC no que recompilou desde a pintura detalles e espazos concretos do museo.
O papel do vídeo na Colección CGAC
A mostra péchase no Espazo de Proxectos cunha selección de vídeos da colección centrada nas relacións entre a performance e o estilo documental. Aquí, xunto con pezas como The King (1972) da artista Eleanor Antin, pioneira nos discursos feministas, exhíbense outras máis recentes nas que utiliza tanto o documental como a performace. Atopamos xenealoxías vinculadas coas estéticas dos anos 70, como sucede coa obra de Virginia Villaplana Escenario doble, ou co traballo documental Asuntos internos, de Xoán Anleo e Uqui Permui, que aborda as problemáticas e realidades do colectivo trans en Galicia. Tamén vencellando a performance e o documental atopamos o vídeo sobre Víctor Grippo, artista ao que o CGAC lle dedicou unha exposición retrospectiva en 2013, realizado por quen foi a súa comisaria, Alicia Chillida.