Nova: Grandes nomes da música e o baile tradicionais daranse cita o vindeiro mes de xuño no Gaiás durante tres días de foliada

25/05/2018

Grandes nomes da música e o baile tradicionais daranse cita o vindeiro mes de xuño no Gaiás durante tres días de foliada

Artistas consolidados como Uxía, Susana Seivane, Budiño, Davide Salvado, Ugia Pedreira, ou Leilía compartirán escenario con agrupacións históricas como Cantigas e Agarimos, Xacarandaina ou O Fiadeiro

Serán'01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional nace para festexar a próxima declaración do baile galego como Ben de Interese Cultural

Conferencias, obradoiros, programación infantil, recinto feiral, un desfile do traxe e numerosas actuacións completan o programa dun evento que reunirá no Gaiás a todo o sector do folclore tradicional e un milleiro de artistas

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2018.- Nomes imprescindibles do folclore galego daranse cita do 8 ao 10 de xuño na Cidade da Cultura no Serán’01, o I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional, que nace para festexar a próxima declaración do baile galego como Ben de Interese Cultural (BIC) e que congregará a un milleiro de artistas en máis de 40 espectáculos. Artistas como Uxía, Susana Seivane, Budiño, Davide Salvado, Leilía, Ugía Pedreira... compartirán escenario man a man con grupos históricos do noso folclore así como con informantes –transmisores da nosa cultura tradicional– procedentes de toda a xeografía galega.

Será nun dos espectáculos centrais do Serán’01: o Foliadón, que como o seu propio nome indica se concibe como unha xigantesca foliada que na noite do sábado 9 de xuño encherá o Gaiás con cinco horas de festa, música e baile. No entanto, xa dende a tarde do venres 8 o complexo acollerá os distintos contidos deste ambicioso encontro que busca reunir a todo o folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicionais ata integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal. Para isto, a Fundación Cidade da Cultura coa colaboración de Agadic despregará un abano de actividades que durante tres días se propoñen amosar e pór en valor toda a nosa riqueza etnográfica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional.

Como non podía ser doutro xeito, o baile será o protagonista indiscutible do evento, como demostra outro dos seus pratos fortes: un festival folclórico que congregará na praza central do Gaiás a centos de asistentes para ver, sobre as táboas, a oito agrupacións históricas do folclore galego. Cantigas e Agarimos, Eidos, Brincadeira, Cantigas de Froles, Xacarandaina, O Fiadeiro, Castro Floxo e Lembranzas Galegas farán resoar os ecos da nosa tradición musical entre os vangardistas edificios proxectados por Peter Eisenman. Moitos deles repetirán sobre o escenario o sábado no Foliadón.

Xa na tarde do domingo, e como peche a este encontro, terá lugar outro man a man musical de excepción, neste caso entre os decanos dos coros históricos galegos: Toxos e Froles (Ferrol) –con máis dun século de historia– e De Ruada (Ourense) –que cumpre este ano o seu centenario–.

Un programa para maiores e cativos

Tamén os máis pequenos e pequenas terán o seu espazo no Serán’01, que ao longo dos tres días programa obradoiros –de acceso libre e de balde– para que a cativada poida fabricar os seus zocos con materiais de refugallo ou aprender sobre xogos tradicionais. Xa no ámbito musical, a Foliadiña Infantil subirá ao escenario do Museo Centro Gaiás a grupos infantís de baile tradicional de máis dunha vintena de agrupacións e escolas de música das catro provincias galegas.

Serán’01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional quere ter tamén un espazo para a análise e a aprendizaxe profesional, e por iso vai incluír tanto conferencias como master classes de baile tradicional galego. Estas sesións formativas estarán especializadas en variedades de diferentes comarcas de Galicia e serán impartidas por persoas expertas na materia, abordando temas como expresividade e colocación corporal, movemento, puntos, voltas, descanses e coreografías. Dado que as prazas por cada master class son limitadas, cómpre inscribirse no web cidadedacultura.gal.

Celebración do noso patrimonio inmaterial

Este I Encontro Galego de Cultura Popular xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social para todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicionais ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Deste xeito, o programa do Serán’01 complétase con presentacións, proxeccións, ou o desfile Sete Varas, un Refaixo, onde da man da asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas poderán contemplarse traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas.

Os visitantes poderán tamén achegarse a un recinto feiral con medio cento de stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos, etc.

A asistencia a todas as actividades é de balde e o programa pode consultarse no web da cidadedacultura.gal.

Comparte