Nova: Paula Carballeira e João Pedro Mésseder reflexionan sobre o feito literario en Galicia e Portugal nas conversas Nortear

22/05/2018
Paula Carballeira e João Pedro Mésseder reflexionan sobre o feito literario en Galicia e Portugal nas conversas Nortear
O secretario xeral de Cultura participou na sétima edición da iniciativa, que se celebrou na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, en Vila Real (Portugal)
Trátase dun proxecto conxunto entre a Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal para favorecer o diálogo entre as culturas galega e portuguesa
Vila Real (Portugal), 22 de maio de 2018.- A escritora galega Paula Carballeira e o autor portugués João Pedro Mésseder foron os protagonistas da sétima edición das Conversas Nortear, unha iniciativa conxunta da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal (DRCN) e o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) que ten como obxectivo tender pontes entre a cultura galega e portuguesa a través de recoñecidos autores e autoras de ambos os sistemas literarios.
Nun encontro moderado polo profesor da Escola de Ciencias Humanas e Sociais da UTAD Levi Leonido Fernandes da Silva os autores reflexionaron sobre o feito literario en Galicia e Portugal, para ofrecer as súas perspectivas das letras a ambos os lados da fronteira. O ciclo pretende ofrecer un achegamento á literatura da man dos seus protagonistas actuais, os autores e as autoras, nun formato de charla distendida e aberta aos asistentes.
Nortear é un proxecto de intercambio cultural entre Portugal e Galicia, que ten os seus eixos no libro, a lectura e a arte e o obxectivo de impulsar o coñecemento e a circulación da cultura a partir de redes de colaboración entre as dúas rexións. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou que as Conversas Nortear “son un dos piares do proxecto xa que, con cada edición, o diálogo entre escritoras e escritores de referencia de ambas as beiras do Miño fai posible a creación de novas vías de entendemento entre os nosos pobos”.
O acto, desenvolvido na biblioteca da UTAD en Vila Real (Portugal), contou tamén coa participación de Artur Cristóvão, catedrático desa universidade; Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia; Xosé Lago, secretario do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal; e Fernanda Eugénia Araújo, responsable do departamento de Dinamización e Promoción Cultural da Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal.
Voces recoñecidas no panorama literario actual
Paula Carballeira é autora de literatura infantil e xuvenil. Profesional do teatro e da narración oral desde 1994, participou nos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais (España, Portugal, Polonia, Brasil, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Cabo Verde...) como contadora de historias e como profesora de técnicas de narración oral. Pola súa banda, baixo o nome literario João Pedro Mésseder agóchase o investigador, crítico e profesor José António Gomes, autor de obras literarias para o público adulto e de diversos libros de literatura infantil e xuvenil.
Premio Nortear, para escritoras e escritores novos
Outra das iniciativas desenvolvidas no marco deste proxecto é o Premio Nortear para a Mocidade Escritora Norte de Portugal-Galicia, que ten convocada á súa cuarta edición. O prazo de presentación de orixinais remata o día 29 de xuño. O certame ten como obxectivos promover a aparición de novos escritores e escritoras, estimular a produción de obras inéditas no ámbito da ficción e favorecer a creatividade literaria entre a mocidade escritora residente na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, así como de destacar, anualmente, obras literarias orixinais e de promover a circulación e distribución de obras literarias mais aló das fronteiras.
Estas actividades son froito do memorando de entendemento asinado no ano 2015 pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal.