Nova: 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais benefícianse das axudas do programa Ler conta moito

16/05/2018

228 bibliotecas e axencias de lectura municipais benefícianse das axudas do programa Ler conta moito

Cultura resolve a orde de subvencións de 195.000 euros dirixida aos concellos para a realización de actividades de dinamización da lectura nas bibliotecas locais

Os 173 municipios beneficiarios poderán seleccionar actividades dun amplo catálogo durante todo o período de programación, que remata o 30 de outubro

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2018.- A Consellería de Cultura e Educación acaba de resolver as axudas do programa de dinamización da lectura Ler conta moito, dotado con 195.000 euros e mediante o cal 228 bibliotecas e axencias de lectura municipais de toda Galicia se van beneficiar das actividades que ofrece esta iniciativa en 2018. A resolución pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180516/AnuncioG0164-090518-0004_gl.html 

Os 173 concellos que acadaron as axudas dispoñen dun prazo de 10 días para que as súas bibliotecas e axencias de lectura públicas seleccionen as actividades de animación á lectura que van realizar polo importe concedido, no catálogo de Ler conta moito 2018, que a Secretaría Xeral de Cultura ten á súa disposición na páxina http://rbgalicia.xunta.gal. O período de programación de actividades remata o 30 de outubro de 2018.

Ler conta moito 

Ler conta moito é un programa de dinamización da lectura nos centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia promovido pola Secretaría Xeral de Cultura en colaboración cos concellos. O departamento dirixido por Anxo Lorenzo financia o 75% do custo das actividades programadas, mentres que as entidades locais con bibliotecas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia que se adhiren a este programa cofinancian o 25% restante.

As actividades incluídas nesta iniciativa son moi diversas, desde obradoiros creativos, narración oral, divulgación do coñecemento, audiovisual na biblioteca, actividades de dinamización con música, ata teatro e danza, exposicións ou itinerarios guiados, entre outras. Cada acción pode estar, ademais, dirixida a públicos específicos, como bebés de 0 a 3, nenos e nenas, mocidade, adultos ou colectivos con necesidades especiais.

Con este programa, que en 2017 programou 728 eventos en 208 bibliotecas e axencias de lectura dun total de 164 concellos galegos, a Xunta de Galicia pretende con este programa animar á lectura, a través de accións atractivas vinculadas aos intereses de distintos colectivos, que faciliten o achegamento aos espazos das bibliotecas como punto de encontro.

Comparte