Nova: O ciclo Reb/veladas na paisaxe promoverá intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás

11/05/2018
O ciclo Reb/veladas na paisaxe promoverá intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás
Procura a posta en valor das súas zonas naturais como espazo de intervención artística e darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea
Convidouse a tres comisarias galegas —Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea— a que propuxeran libremente artistas para levar a cabo estas intervencións
Os proxectos escollidos —Beatriz Lobo, Paul E. Guy e Maria Kulikovska— amosaranse a partir do 24 de maio, data na que serán inaugurados
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar Reb/veladas na paisaxe, un novo ciclo de intervencións artísticas nos espazos verdes do Gaiás co que se procura non só a posta en valor das súas zonas naturais —Bosque de Galicia e Parque do Lago– senón tamén darlle visibilidade á presenza da muller na arte contemporánea, incorporando unha perspectiva de xénero que reflicta a diversidade no ámbito creativo.
Para afianzar esta cerna convidouse, nesta primeira edición, a tres comisarias galegas —Chus Martínez Domínguez, Anxela Caramés e Antía Cea García— a que escolleran as/os artistas cos que lle apetecía inaugurar este novo ciclo e elixiron a Beatriz Lobo (Vigo, 1985), Paul E. Guy (Chicago, 1977) e Maria Kulikovska (Crimea, 1988), respectivamente.
As tres intervencións que se desvelarán o 24 de maio, data da inauguración, teñen en común o convite a unha andaina artística que impulsa a descuberta e a experimentación dos e das camiñantes, a través da propia interacción coas instalacións que se localizarán no Parque do Lago, no caso do proxecto de Beatriz Lobo; e no Bosque de Galicia, os de Paul E. Guy e Maria Kulikovska.
Nova ruta natural e artística no Gaiás
En Reb/velas na paisaxe as rutas peonís conducirán o visitante camiñante a estas intervencións artísticas. Desta forma, establécese unha nova ruta ao Gaiás, atractiva e cargada de significados culturais. A liña argumental das propostas é a creación dun novo camiño/itinerario que relaciona o marco natural, coas dúas cidades (ao do Gaiás e a histórica) e coas rutas de peregrinación. Precisamente, o monte Gaiás é unha atalaia estratéxica entre o Camiño Francés e a Vía da Prata, conectada en breve coa principal vía de comunicación galega norte-sur; a autoestrada do Atlántico.
Deste xeito, Reb/velas na paisaxe contribúe a potenciar as zonas verdes da Cidade da Cultura , engadindo un novo valor natural e de lecer para a cidade compostelá e para toda a poboación que acolle. Máis, sobre todo, preténdese que sexa un ciclo de referencia en Galicia tanto na visibilidade de creadoras como de intervencións artísticas en espazos e terreos naturais.
As intervencións de Reb/velas na paisaxe poderán verse ata o 21 de outubro e contarán con visitas comentadas todos os venres ás 20 horas. Tamén están previstas visitas guiadas cos propios artistas. Estas actividades e máis información polo miúdo do proxecto, na páxina web da Cidade da Cultura —www.cidadedacultura.gal— a partir da inauguración o 24 de maio.