Nova: Estíbaliz Espinosa recibe o premio de poesía Afundación por As neuronas irmás

09/05/2018
Estíbaliz Espinosa recibe o premio de poesía Afundación por As neuronas irmás
O secretario xeral de Cultura Anxo Lorenzo participou na entrega da décimo quinta edición do galardón, acto no que destacou o valor de cada premio como unha nova obra de referencia das Letras Galegas
Afundación, a Consellería de Cultura e Educación e o Centro PEN Galicia promoven este certame para alentar a creación poética e enriquecer a produción literaria en galego
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2018.- A escritora Estíbaliz Espinosa recibiu esta tarde o XV Premio de Poesía Afundación, promovido por Afundación, a Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. Durante o acto de entrega, que tivo lugar na sede de Afundación na Coruña, o secretario xeral destacou que o certame “ocupa, sen dúbida, un lugar central no panorama literario galego e que en cada edición achega unha nova obra de referencia para sumarse ás fértiles letras galegas”. Así mesmo, salientou a obra premiada, As neuronas irmás, de Estíbaliz Espinosa, que “racha coa tradicional separación entre as ciencias e as letras, inspirada pola astronomía, a bioloxía ou a programación para transformalas en poemas”.
No acto, que se completou cun recital poético a cargo da gañadora, acompañada pola pianista Isabel Gómez Alonso, participaron tamén Xosé Carlos Caneiro Pérez, escritor e padroeiro de Afundación, e o presidente e o director do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar e Xabier Castro, respectivamente.
Elenco de galardoados
O galardón comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello ou Olalla Cociña, gañadora da anterior convocatoria.
Anxo Lorenzo felicitou á premiada por sumarse a esta prestixiosa lista de poetas que continúan a escribir “nun xénero tan minoritario como indispensable para a nosa lingua”, contribuíndo deste xeito “a que na nosa comunidade se manteña esta valiosa forza creadora no ámbito literario”.
Convocatoria aberta para a XVI edición
O prazo para participar na décimo sexta edición do premio remata o vindeiro 31 de maio. A el poden concorrer obras inéditas e orixinais, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN Galicia.
Promover a creación literaria en galego
O certame conta co apoio e a participación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, que vén colaborando desde hai anos con esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria. Con este obxectivo, a Xunta de Galicia contribúe coa realización de diversos premios e certames literarios, como o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, ou o Premio de Poesía Concello de Carral, entre outros.