Nova: O festival Curtocircuíto proxectará máis de 120 filmes

25/09/2014

O festival Curtocircuíto proxectará máis de 120 filmes

A sección oficial reestrutúrase este ano nos programas Radar e Explora, que inclúen catro estreas mundiais e 27 fitas inéditas en España

Créase o novo apartado Planeta GZ, no que un total de nove curtas galegas competirán en tres categorías
 

  • Cartel Curtocircuíto 2014 Cartel Curtocircuíto 2014
  • O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto
  • O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto
  • O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto O director da Agadic na presentación de Curtocircuíto

Santiago, 25 de setembro de 2014.- O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, un dos cinco certames audiovisuais subvencionados este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentou hoxe en Santiago de Compostela a nova edición que desenvolverá do 6 ao 11 de outubro coa proxección de máis de 120 filmes. Xunto coas súas sección competitivas, para as que se recibiron máis de 3.400 filmes de 94 países, o festival ábrese a toda a cidadanía a través de seccións paralelas, clases maxistrais, obradoiros e concertos.

O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad contribúe ao desenvolvemento desta programación cunha achega de 13.751 euros, outorgados ao festival que organiza o Concello de Santiago a través da nova liña de axudas públicas creada a primeiros de ano para apoiar de xeito específico este tipo de eventos audiovisuais.

Así o explicou hoxe o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, quen interveu na presentación deste festival en nome da Consellería de Cultura e Educación. No acto participaron tamén a Concelleira de Cultura de Santiago, María Antón; o director xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o director de Curtocircuíto, Pela del Álamo.

Nova liña de axudas
Na súa intervención, o director da Agadic subliñou que a través da posta en marcha destas novas subvencións para festivais audiovisuais deuse resposta ás suxestións recibidas desde o propio sector no sentido de regular o apoio a este tipo de certames para “optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos”.

“Esta nova liña encaixa, así mesmo, no afán da Consellería de Cultura por atender as diferentes fases e procesos relacionados coa industria audiovisual a través do programa de subvencións da Agadic, de xeito que, xunto co investimento na preprodución e na produción dos produtos audiovisuais, buscamos tamén garantir a súa chegada aos espectadores”, continuou Sutil, quen felicitou expresamente á organización de Curtocircuíto polo intenso programa de actividades desta undécima edición.

O Teatro Principal e a Zona C acollerán as diferentes sesións que, no caso da sección oficial, inclúen un total de 53 traballos a través dos que se ofrece un percorrido polas tendencias actuais do cinema internacional. Con tal fin, a sección oficial restrutúrase este ano arredor de dous programas que –segundo explica a organización– “miden o nivel de exploración formal e narrativa da linguaxe cinematográfica”: Radar, para as propostas máis convencionais, e Explora, para as máis rompedoras.

As curtas a concurso oficial compiten por diferentes premios valorados en 3.000 euros para cada categoría e foron elixidas polo equipo de programación do certame entre os 3.400 filmes recibidos, cifra que supón un incremento do 45% respecto da edición anterior e establece un récord na historia de Curtocircuíto. Para os xurados de Radar e Explora cóntase con figuras internacionais da categoría do cineasta canadense Mike Hoolboom e o crítico australiano Adrian Martin, que participarán tamén en diferentes actividades paralelas de encontro co público.

Colaboración co CGAI
Ademais e grazas á colaboración entre Curtocircuíto e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), Hoolboom participará tamén na sesión especial arredor da súa obra que terá lugar na sede da filmoteca galega na Coruña na tarde do 14 de outubro .

O novo modelo co que o festival se presenta este ano estrea tamén unha terceira sección competitiva, fóra da oficial, denominada Planeta GZ. Este programa nace para dar cabida a algúns dos traballos galegos máis arriscados do ano. Un total de nove curtametraxes competirán nesta categoría por un premio de 2.000 euros, ademais de optar aos de mellor director galego e mellor guión.

Entre as seccións paralelas, destacan o ciclo retrospectivo sobre a obra de Mike Hoolboom, así como o dedicado ao portugués Gabriel Abrantes, nova promesa do cinema en formato curto. Organizaranse, ademais, obradoiros, presentacións, mesas redondas e seminarios, que buscan ofrecer un espazo de encontro para o sector audiovisual, ao tempo que un lugar de exploración para que o público descubra as interioridades da produción cinematográfica.

Os concertos de Peter Broderick o martes 7 e de Cápsula xunto a Pablo Und Destriktion o venres 10 na Sala Capitol completan a programación paralela deste de Curtocircuíto, que na web (www.curtocircuito.org) detalla todo o calendario de proxeccións, así como os prezos e o acceso á venda de entradas no caso das actividades de pago (a sección oficial, o ciclo de Mike Hoolboom e as actuacións musicais).

Comparte