Nova: Un milleiro de persoas participan na carreira Holi Gaiás para darlle a benvida á primavera en contacto coa natureza

05/05/2018
Un milleiro de persoas participan na carreira Holi Gaiás para darlle a benvida á primavera en contacto coa natureza
Forma parte de Cidade Verde, programa para pór en valor os espazos verdes da Cidade da Cultura, que incluíu andainas e unha demostración de papaventos
A competición de carácter familiar tivo carácter lúdico con música e lanzamento de polvos de cores e contou cunha categoría para a cativada
As actividades están patrocinadas por Viaqua coa colaboración da Fundación USC Deportiva, a Federación Galega de Atletismo e Coca-Cola
Santiago de Compostela, 05 de maio de 2018.- Un milleiro de persoas, entre elas moita cativada, participaron este sábado, día 5, na divertida carreira da Holi Gaiás, na Cidade da Cultura de Galicia, para darlle a benvida á primavera dun xeito divertido, familiar e en contacto coa natureza, xa que precisamente esta actividade forma parte do programa Cidade Verde que se desenvolveu durante a xornada de hoxe e incluíu andainas interpretativas polo Bosque de Galicia e unha demostración de papaventos para tirar proveito do vento tan característico do cumio do monte Gaiás.
A Holi Gaiás volveu á Cidade da Cultura e con ela o seu espírito nada competitivo, no que o importante non foi gañar senón celebrar a chegada da primavera cunha explosión de cores. Inspirada no festival Holi da India, grandes e pequenos percorreron, a partir das 12 horas, 5 quilómetros do Bosque de Galicia e o complexo arquitectónico.
Para a saída e a entrega de premios contouse co secretario técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén Barcala, que estivo acompañado pola directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira Otero, e tamén con representantes dos patrocinadores e colaboradores de Cidade Verde: José Luis Míguez Rey, do Comité de Dirección de Viaqua; Óscar Hermida Otero, xerente da Fundación USC; e Iván San Martín, delegado da Federación Galega de Atletismo.
A Holi Gaiás 2018 contou cun milleiro de persoas que se contaxiaron da música que os animou durante todo o percorrido e non pararon de bailar, rir, choutar e cantar acompañados en todo momento por fumes multicores que crearon un ambiente distendido e de diversión.
Nesta carreira establecéronse dúas categorías, establecidas segundo un criterio de idade: de 10 a 18 anos e a partir da maioría de idade. Así mesmo, e a pesar do carácter lúdico e non competitivo, si que se tivo en conta os e as máis espelidas da Holi Gaiás deste ano cunha medalla conmemorativa cos tres primeiros e primeiras corredoras de cada categoría.
Andainas Cidade Verde
Co obxectivo de dar a coñecer os espazos verdes do Gaiás, Cidade Verde incluíu durante a xornada tres andainas polo Bosque de Galicia, a través dos novos sendeiros conseguidos coa ampliación que se está a levar a cabo e que permitirá que este gran pulmón verde de Santiago de Compostela aumente de 24 a 34 o número de hectáreas.
Deste xeito, contouse cunha andaina interpretativa sobre o espazo do Bosque de Galicia en si; outra ornitolóxica sobre as aves que habitan na zona; e unha micolóxica que permitiu coñecer a vexetación e as especies autóctonas desta área verde. Todas elas supuxeron descubertas do hábitat e da flora e fauna do monte Gaiás que abraiaron a moitos dos participantes.
Papaventos no Gaiás
Completou esta xornada de contacto coa natureza a través de accións lúdicas de Cidade Verde, a actividade de Papaventos no Gaiás. Con esta acción, o ceo do monte Gaiás cubriuse de espectaculares formas, cores e movementos sorprendentes nun xeito divertido de tirar proveito dos ventos tan característicos da zona e tamén como un plan en familia, no que grandes e pequenos se achegaron á construción, deseño e manexo destes trebellos que cativan a todas as idades e xeracións.
Ademais, permitiuse que os participantes puidesen traer os seus propios papaventos para botalos a voar nos descansos da exhibición dos clubs participantes, que procedían da Coruña, Euskadi e Madrid.