Nova: O festival Play-Doc de Tui presenta unha nova edición máis longa e intensa

19/04/2018

O festival Play-Doc de Tui presenta unha nova edición máis longa e intensa

A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais

O programa deste ano estende a súa duración a seis días, do 26 de abril ao 1 de maio, ademais de aumentar o número de actividades e os filmes de estrea, entre outras novidades

  • A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais
  • A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais A Xunta canaliza a súa achega a esta mostra internacional de documentais a través da convocatoria de subvencións a festivais audiovisuais

Tui (Pontevedra), 19 de abril de 2018.- O Festival Internacional de Documentais Play-Doc de Tui presentou hoxe a súa décimo cuarta edición, que terá lugar do 26 de abril ao 1 de maio, intensificando a súa programación tanto en días de celebración como de actividades e filmes de estrea, entre outras novidades. A organización da mostra volve contar este ano co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que se materializa nunha achega económica de 28.863 euros a través da convocatoria anual de subvencións a festivais do sector audiovisual.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto a Carlos Vázquez Padín, alcalde de Tui; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Ángel Sánchez, director do Play-Doc, e Beli Martínez, reponsable da programación de cine galego.

Potencial galego

Na súa intervención, Jacobo Sutil referiuse especialmente á destacada atención que a mostra de Tui lle concede sempre ao cinema galego. Nesta edición, ofreceralle ao público unha escolma de 10 documentais, que deixan constancia do potencial galego neste ámbito: Alberto García Alix. La línea de la sombra (Nicolás Combarro), Algunhas nubes flotan lonxanas (Gonzalo E. Veloso), M. (Ángel Santos), Nueva Galicia (Iván Nespereira), O salvaxe leva o seu tempo (Oliver Laxe), O fareiro de Sálvora (Gloria Vilches), Os fillos da vide (Ana Domínguez), Caerán lóstregos do ceo e Salitre nas veas (Adrián Canoura) e Trinta lumes (Diana Toucedo).

“Galicia posúe realizadores e cineastas que defenden a súa mestría e o seu talento no xénero documental con presenza, mencións e premios nas principais citas internacionais do sector por todo o mundo”, sinalou, ao tempo que subliñou a participación nesta edición de Lois Patiño, Oliver Laxe e Eloy Enciso na sección Tres procesos. Nela, compartirán cos asistentes os proxectos nos que están traballando nestes momentos e como afrontan o seu desenvolvemento técnico e creativo.

Sutil incidiu, así mesmo, no reforzo da programación do Play-Doc: “Máis días de celebración, máis actividades paralelas e en colaboración con novos socios estratéxicos, máis accións de formación e de intercambio profesional e máis películas documentais de estrea, non só en Galicia, senón para toda España”, sinalou.

Así, por exemplo, a sección competitiva de 2018 presenta cinco estreas que, segundo a organización, “trazan un itinerario da diversidade do cine dos nosos días”. Trátase de The Waldheim Waltz, de Ruth Beckermann; Going South, de Dominic Gagnon; Lamaland, de Pablo Sigg; Terra Franca, de Leonor Teles, e Les Unwanted de Europa, de Fabrizio Ferraro.

Retrospectivas

Ao tempo, o Play-Doc continúa fiel ao seu obxectivo de recuperar e redescubrir para o público tanto autores de culto como obras mestras pouco coñecidas. Nesta edición, o festival dedicaralles retrospectivas a Peter Emanuel Goldman, considerado un dos xenios esquecidos do New American Cinema, e aos brasileiros Aloysio Raulino e Ozualdo Candeias.

O ciclo (Anti)heroínas, que abordará a representación das mulleres no cinema; a programación musical cos concertos de Rubblebucket e de Esteban & Manuel, este último en colaboración co Festival Sinsal Son Estrella Galicia; ou a celebración do Día do Cine Doméstico son outras das citas destacadas do cartel deste ano.

Comparte