Nova: A historia das mulleres con poder na época medieval centra a nova publicación do CSIC

23/03/2018
A historia das mulleres con poder na época medieval centra a nova publicación do CSIC
O conselleiro de Cultura participou na presentación do volume, que recolle máis de medio cento de biografías e documentos históricos
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación do número 44 da colección Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos, no que o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) pon en valor o papel das mulleres nas estruturas de poder na época medieval. No marco da súa intervención, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia sinalou este volume como unha publicación de referencia no estudo da historia das mulleres na nosa comunidade, que “axuda a superar estereotipos e a perfilar mellor o noso pasado” sobre a recompilación e estudo de novos materiais e a reconstrución das traxectorias vitais dunha significativa escolma de mulleres que formaron parte da pirámide nobiliaria galega no Medievo.
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia explicou que, nunha sociedade que debe avanzar cara a igualdade de oportunidades entre as persoas partindo do máis elemental, a igualdade entre mulleres e homes; un libro como o presentado hoxe sempre é unha boa nova. Neste sentido salientou que se trata dun traballo moi importante para iluminar as zonas de sombra que aínda persisten sobre a historia das mulleres polo feito de selo, unha eiva que as levou a ocupar unha posición de invisibilidade historiográfica durante séculos.
O conselleiro quixo, ademais, felicitar ao equipo do CSIC e ao Instituto de Estudos Gallegos Padre Sarmiento polo seu labor de divulgación científica.
Biografías e documentos
Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV). Estudios, biografías y documentos estrutúrase en tres bloques. O primeiro deles aborda a posición e protagonismo social da muller nos séculos medievais, o segundo recolle máis de medio cento de biografías de mulleres con poder que viviron entre os séculos XII e XV e o terceiro dedícase á edición e transcrición de documentos, láminas e debuxos arqueolóxicos. Entre os persoeiros analizados destácase o caso de dona Aldonza de Mendoza, duquesa de Arjona e irmá do marqués de Santillana, cuxa vida conxugal foi obxecto de demanda por malos tratos e abusos de poder contra o seu marido, e que deixou ademais en herdanza a que, con 33 volumes, é coñecida como a segunda biblioteca laica coñecida no reino de Castela na época.
O volume é froito do traballo dunha vintena de especialistas (investigadores e técnicos do CSIC, profesores das tres universidades galegas e arquiveiras do Arquivo Histórico Provincial de Ourense). As investigacións contaron co apoio da xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de igualdade, e do Goberno central.
No acto participaron tamén a presidenta do CSIC, Rosa Menéndez, e o director do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e editor do volume, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, entre outras autoridades.