Nova: O CGAC acolle a visionaria revisión da arquitectura de Carlos Garaicoa

23/03/2018
O CGAC acolle a visionaria revisión da arquitectura de Carlos Garaicoa
A mostra O palacio das tres historias está comisariada por Claudia Gioia e poderá verse no CGAC ata o 1 de xullo de 2018
Grandes instalacións, fotografía e vídeos mostran a cidade como espazo ideal e metáfora da contemporaneidade
Inaugúrase tamén no centro unha selección de vídeos articulada en torno á performance e ao documental, como inicio da celebración do seu 25 aniversario
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018.- O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abre hoxe as portas da exposición O palacio das tres historias, do artista visual Carlos Garaicoa (A Habana, 1967), na que a través dunha mestura de fotografía, vídeos e grandes instalacións se presenta a cidade como espazo de paso, punto de encontro e metáfora da contemporaneidade construída a través das palabras, das imaxes e da historia.
“O evidente amor pola palabra de Carlos Garaicoa eleva o pensamento e condúceo máis aló do que ven os ollos”, dixo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de presentación da mostra, durante o que estivo acompañado polo director do CGAC, Santiago Olmo, polo propio artista e pola comisaria da exposición, Claudia Gioia.
Anxo Lorenzo puxo en valor a figura do artista cubano radicado en España e explicou que a mostra “é froito da traxectoria artística do seu autor, cuxas creacións se amosaron nas bienais de Venecia e A Habana, na Caixa Cultural de Rio de Janeiro ou no Instituto de Arte contemporánea de Filadelfia, ademais de galerías, coleccións privadas e museos arredor do mundo”.
A mostra
Os grandes valos publicitarios da paisaxe urbana convértense aquí en carteis de prismas xiratorios, que marcan o inicio da exposición, un á entrada do edificio e outro no vestíbulo. Nos dous, Garaicoa insire debuxos que se alternan con palabras, como referencia ao cinema e á publicidade mesturada coa información.
Do máis grande ao máis pequeno, 21 obras de menor tamaño xogan co deseño e coa arquitectura do pensamento, enlazando coa peza que lle dá nome á mostra, O palacio das tres historias (2017), concibida como un espazo de paso, de observación e punto de encontro no que a narrativa social se integra na arquitectura. A música ten un importante papel, subvertendo a simboloxía do poder, para minimizalo fronte á forza do pensamento libre e creativo.
Actividades relacionadas coa exposición
Hoxe, ás 19:00 horas, o artista e a comisaria da exposición manterán un encontro co público, previo á inauguración oficial, que terá lugar ás 20:00 horas. O CGAC, ademais, organiza unha serie de actividades relacionadas coas exposicións que conviven no museo. Así, todos os sábados, ás 12:00 horas, realízanse visitas guiadas por mediadoras especializadas en arte, para estimular o interese pola creación artística contemporánea e para facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte. As visitas son gratuítas e non se require cita previa.
Dentro do ciclo Música e arte: Correspondencias sonoras, comisariado por Vertixe Sonora, novos autores do panorama internacional compoñen obras orixinais a partir das exposicións, artistas e obras do museo. A cita sobre a mostra O palacio das tres historias, de Carlos Garaicoa, será o día 19 de xuño. Ás 12:00 horas celebrarase un concerto didáctico para centros escolares. Ás 19:30 horas haberá unha conversa cos compositores Hache Costa (España, 1980), Leonardo Idrobo (Colombia, 1977), Valentín Pelisch (Arxentina, 1983) e Jacques Zafra (México, 1986), que ás 20:30 horas ofrecerán o concerto inspirado na exposición.
Biografía
Carlos Garaicoa Manso naceu en Cuba en 1967. Vive e traballa entre A Habana e Madrid. Estudou Termodinámica no Instituto Hermanos Gómez entre os anos 1982 e 1986. Entre 1986 e 1989 fixo o servizo militar obrigatorio e despois estudou Pintura no Instituto Superior de Arte da Habana. Á hora de abordar cuestións culturais e políticas, a súa é unha aproximación multidisciplinaria a través do estudo da arquitectura, o urbanismo e a historia. A cidade da Habana é un dos seus temas principais, e as súas disciplinas inclúen a instalación, o vídeo, a fotografía, a escultura, os libros pop-up e o debuxo.
Entre as súas exposicións individuais máis importantes cabe destacar las del Museum of Art, Architecture and Technology (MAAT) en Lisboa; o Azkuna Zentroa en Bilbao; o Museum Villa Stuck en Múnic; o Nasjonalmuseet en Oslo; FLORA ars + natura en Bogotá; a Kunsthaus Baselland en Muttenz, Basilea; o Contemporary Art Museum, Institute for Research in Art en Tampa, Florida; o Stedelijk Museum Bureau Amsterdam (SMBA) en Amsterdam; o Centre d’Art la Panera en Lleida; o Museo Nacional de Arte Contemporánea (EMST) en Atenas; o Museo ICO e Matadero Madrid, ambos en Madrid; o Irish Museum of Modern Art (IMMA) en Dublín; o Palau da Virreina en Barcelona; o Museum of Contemporary Art (MOCA) en Los Angeles; a Biblioteca Luis Ángel Arango en Bogotá; ou o Palazzo delle Papesse en Siena. .
Así mesmo, participou en prestixiosos eventos internacionais como as bienais da Habana, Shanghái, São Paulo, Venecia, Johannesburgo, Liverpool, Sydney, Kochi-Muziris, Sharjah e Moscova, as trienais de Auckland, San Juan, Yokohama e Echigo-Tsumari; as edicións 11 e 14 de Documenta; e PhotoEspaña 12. En 2005 recibiu o XXXIX Prix International d'Art Contemporain (PIAC) da Fondation Prince Pierre de Monaco en Montecarlo, e o Premio Katherine S. Marmor en Los Angeles.
Vídeos da colección do CGAC
Dentro do Espazo de Proxectos, hoxe venres inaugúrase tamén unha selección da colección de vídeos do CGAC, articulada en torno ás performance e ao xénero documental. Algúns formaron parte de exposicións importantes, como A batalla dos xéneros, e outras son pezas propiamente cinematográficas como as de Alexander Sokurov ou Johan Grimonprez. A mostra estará aberta ao público ata o 30 de setembro, dentro das actividades que o museo organiza con motivo do seu 25 aniversario.