Nova: Presentado o informe Diagnose da cultura galega

23/03/2018
Presentado o informe Diagnose da cultura galega
O documento, que se empregará para elaborar a Estratexia da cultura galega 2021, analiza os diferentes sectores, así como temas transversais que inflúen nos mesmos
Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2018.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; presentaron hoxe en rolda de prensa o informe Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI, un documento encargado pola Consellería ao CCG para, en base ao mesmo, elaborar a Estratexia da Cultura Galega 2021. O texto será a folla de ruta que servirá para analizar a situación actual do sector, fixar obxectivos e definir liñas e medidas concretas para acadalos. Será a primeira estratexia destas características para este eido que elabora un goberno da Xunta. Con este novo paso dáse cumprimento á evolución do proceso de elaboración desta estratexia, así como ao convenio asinado entre ambas as entidades o 25 de outubro de 2017.
Na súa intervención o conselleiro explicou que a Estratexia será unha reflexión compartida por toda a sociedade, aberta e transparente, que permita dispoñer dunha visión e dun plan de traballo para a Cultura Galega do presente e o futuro e, polo tanto, un proceso compartido e participativo. Neste sentido lembrou que, entre os meses de novembro de 2017 e de xaneiro deste ano, se realizaron diversos encontros territoriais nas catro provincias galegas, coa participación de máis de cen axentes culturais nos concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.
Incremento de empregados culturais
Román Rodríguez destacou que, logo duns anos difíciles a cultura galega está a medrar e, de feito, nunha porcentaxe moi significativa dos indicadores culturais Galicia sitúase entre as 5 ou 6 comunidades punteiras. Como exemplo indicou que o número de empregados culturais na Comunidade no segundo trimestre de 2017 sitúase en 30.500, 3100 máis que no mesmo trimestre de 2016, o que supón un incremento do 11,3% nun ano.
Ademais, explicou que, en moitos casos, parte da problemática ten as súas raíces en hábitos adquiridos; aínda que remarcou como reto “pasar da recuperación a posicións de vangarda, sector a sector”. En todo caso, incidiu na necesidade de cooperar para lograr competir nas mellores condicións posibles, para avanzar nos eidos que sexa preciso e, en definitiva, para impulsar a propia sociedade galega cara a un futuro máis próspero.
Para iso, explicou que se propón esta Estratexia, que axudará a facer fronte aos retos que día a día se fan máis complexos, como son a sociedade dixital, o financiamento, a colaboración público-privada, o fortalecemento das industrias culturais ou a salvagarda, difusión e posta en valor do patrimonio cultural, entre outros.
Na rolda de prensa estiveron presentes tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o secretario do CCG, Xosé López.
Sectores
O informe presentado hoxe, elaborado a través do Observatorio da Cultura Galega dependente do CCG, recolle datos tanto cuantitativos como cualitativos e conta coa opinión de expertos dos sectores culturais máis relevantes nos que se divide: arquivos, cine, libro e edición, televisión, radio...
O documento indica que a comunidade galega é a cuarta con maior número de arquivos, que en bibliotecas e museos e coleccións museográficas Galicia ocupa a sétima posición no conxunto estatal; que no referido ao patrimonio houbo un aumento significativo no número de declaracións de inmobles como Bens de Interese Cultural (BIC), que a edición de libros incrementouse, cun total de 2388 títulos, en 2016, dos cales o 50,7% foron publicados en galego; e que a recadación dos cines galegos aumentou en 2016 en medio millón de euros.
No informe do CCG, que detecta algunhas eivas e inclúe distintas recomendacións, recóllese tamén os indicadores respecto da música clásica amósanse positivos, con incremento de espectadores e de ingresos, ao tempo que Galicia é a cuarta CCAA cos prezos máis baixos neste tipo de concertos; que Galicia ocupa a quinta posición en número de compañías de teatro, que no ámbito das artes visuais hai unha dependencia económica do sector coas administracións públicas e que un 95,1% dos galegos ve a televisión, dos cales un 90,5% o fai a diario.