Nova: Entregados os premios literarios San Clemente Rosalía-Abanca, elixidos polo estudantado galego

01/03/2018
Entregados os premios literarios San Clemente Rosalía-Abanca, elixidos polo estudantado galego
Feijóo expresa o orgullo pola mocidade galega que non vive á marxe dos retos que afronta a sociedade e que ten moito que ensinar
Nese camiño cara á excelencia afirma que hai un Goberno que desexa estar sempre ao seu lado, cunha aposta decidida polo trilingüismo, a tecnoloxía e por unha ensinanza na que o sistema se adapte ás necesidades de cada alumno e non ao revés
No tocante ao premio, resalta que as historias traídas nesta edición teñen o fondo común do recordo, e tamén unha mensaxe esperanzada
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou hoxe o orgullo pola mocidade galega que non perdeu os valores, non vive á marxe dos retos que afronta a sociedade e que ten moito que ensinar a Galicia. Ao respecto subliñou, a modo de exemplo, que os estudantes como os que participan nesta XXIII edición do Premio Literario San Clemente Rosalía-Abanca se esforzan para que siga vivo o desexo das mil primaveras de Álvaro Cunqueiro.
Nesta liña, e durante a entrega do galardón, Feijóo aseverou que nese camiño cara á excelencia hai un Goberno galego que desexa estar sempre ao seu lado, cunha aposta decidida polo trilingüismo, pola tecnoloxía, así como por unha ensinanza na que o sistema se adapte ás necesidades de cada alumno e non ao revés.
Sobre este punto, expresou ademais o desexo de que para logralo sexa posible alcanzar un pacto pola educación “que precisamos desde sempre e do que creo que estamos máis cerca que nunca”.
Ao longo da súa intervención, resaltou que as historias traídas nesta edición teñen o fondo común do recordo, e tamén unha mensaxe esperanzada: “A Galicia de Xosé Monteagudo desemboca neste país libre e fraterno; o País Vasco de Fernando Aramburu recupera pouco a pouco a convivencia; e a Alemaña dos escombros de Rothmann é hoxe unha nación próspera, democrática e solidaria”, dixo, incidindo en que o destino funesto pode cambiarse. “Galegos, vascos, españois e alemáns fixémolo”, sentenciou.
Máis polo miúdo, aseverou que o labor de escritores como Monteagudo, Aramburu e Rothmann se parece moito ao dos rescatadores. “Eles rescatan momentos, tipos humanos, sensacións”, afirmou, resaltando que Xosé Monteagudo advirte que Galicia pasa dun longo estancamento de cinco séculos a unha transformación vertixinosa que afecta a todos os ámbitos da vida. “Galicia responde o chamamento do seu himno e esperta do seu sono sen fracturas irreversibles, aínda que con moitos momentos amargos. O urbano e o rural, o tradicional e o moderno van configurando unha nova realidade na cal ninguén queda excluído. Galicia é unha historia que acaba ben”, abundou.
Ademais de destacar a pavorosa proximidade que ofrece o relato de Fernando Aramburu, aseverou que Ralf Rothman é outro rescatador que plasma en palabras os silencios da posguerra en Alemaña.
Feijóo concluíu cunha mención especial tamén para Montserrat Domínguez, directora do Huffington Post e para Beatriz de Moura, fundadora de Tusquets Editores, galardoadas coa insignia de ouro da Asociación Cultural Rosalía de Castro.