Nova: A elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021 buscará o diálogo cos grupos parlamentarios

01/03/2018
A elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021 buscará o diálogo cos grupos parlamentarios
Anxo Lorenzo salientou hoxe na Cámara galega a necesidade de propiciar un debate construtivo para compartir propostas e reflexións arredor do modelo cultural que precisa Galicia
Para avanzar na elaboración deste documento, nas próximas semanas iniciaranse reunións sectoriais, organizadas en diferentes grupos de traballo
Simultaneamente, para favorecer as achegas cidadás, a Consellería de Cultura habilitará un sistema de participación telemático
O punto de partida do traballo será o estudo que acaba de elaborar o Consello da Cultura Galega sobre a situación actual da cultura, que lle será entregado á Xunta de Galicia o próximo 15 de marzo
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2018.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por propiciar a participación de todos os grupos parlamentarios de cara á elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, con achegas e propostas que contribúan á definición do novo modelo de acción cultural para Galicia nos próximos anos.
Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na Cámara galega, onde compareceu a petición propia para informar dos avances no proceso de elaboración da Estratexia da Cultura Galega 2021, a primeira estratexia cultural impulsada por un Goberno da Xunta de Galicia.
“Consideramos imprescindible poder contar coa participación política de todos os grupos parlamentarios desta Cámara”, afirmou Anxo Lorenzo, ao tempo que salientou o interese de levar a cabo un debate produtivo que "dea pé a compartirmos propostas e reflexións arredor da acción política cultural que precisa o noso país".
Concitar o máximo consenso e o maior apoio
“Apostamos, polo tanto –engadiu–, por construírmos unha Estratexia da Cultura Galega con vimbios sólidos, que se nutran das achegas realizadas polos principais axentes e entidades de Galicia relacionados co ámbito cultural”. “Velaí o espírito de diálogo, de entendemento e de suma de esforzos sobre os que queremos asentar as bases desta Estratexia, para que concite o máximo consenso e o maior apoio, e que isto redunde en beneficio da nosa cultura”, asegurou o secretario xeral.
Nese sentido, destacou a necesidade de "avanzar nun proceso participativo, transparente e compartido entre todos e todas: institucións, entidades, profesionais, empresas culturais, partidos políticos, sociedade”.
Con este obxectivo, realizáronse entre os meses de novembro de 2017 e de xaneiro deste ano diversos encontros territoriais nas catro provincias galegas, coa participación de máis de cen axentes culturais nos municipios de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense.
Posta en marcha de grupos de traballo sectoriais
Para continuar estas dinámicas de traballo co fin de escoitar os profesionais dos diferentes ámbitos da cultura, Anxo Lorenzo anunciou que nas próximas semanas se iniciarán as reunións sectoriais, artelladas a través de diferentes grupos de traballo, arredor do libro, do audiovisual, das artes escénicas, da música (nas vertentes profesional e non profesional), das artes plásticas e visuais, do patrimonio cultural e mais das institucións da memoria, nomeadamente as bibliotecas, os arquivos, os museos e as fundacións de autor.
Ademais, a Consellería de Cultura e Educación propiciará que a cidadanía achegue as súas propostas e reflexións coa apertura dun proceso de participación telemática, a partir dunha aplicación na web que permitirá que os grupos de traballo teñan en conta estas achegas á hora de definir as liñas de acción e as medidas.
A situación actual da cultura galega, punto de partida
Os grupos de traballo terán como punto de partida fundamental o informe que a Xunta de Galicia lle encargou ao Consello da Cultura Galega sobre a situación actual da cultura galega, realizado polo Observatorio da Cultura Galega nestes últimos cinco meses e que lle será entregado á Xunta de Galicia, segundo informou Anxo Lorenzo, o próximo 15 de marzo.
Logo do traballo realizado polo Observatorio da Cultura Galega nestes últimos cinco meses, o próximo día 15 de marzo, coincidindo coa reunión do seu pleno, o Consello da Cultura Galega entregaralle á Xunta de Galicia o informe sobre a situación actual da cultura, realizado a partir da recollida de datos cualitativos e cuantitativos dos sectores culturais máis relevantes.
A Estratexia da Cultura Galega 2021 definirá as principais liñas de actuación e as prioridades da política e do investimento cultural do Goberno galego para os próximos anos, cos obxectivos de estimular a produción cultural e a súa distribución, de facilitar o acceso á cultura, de consolidar o tecido industrial creativo, de impulsar a salvagarda e a difusión do patrimonio cultural de Galicia, de avanzar na proxección exterior e a internacionalización das industrias culturais e de fomentar a innovación en todos os ámbitos da cultura.