Nova: O Encontro de Torneiros de Xermade, referente no sector artesán

18/09/2014

O Encontro de Torneiros de Xermade, referente no sector artesán

Esta edición do recoñecido encontro acollerá cursos de formación especializada en torneado de madeira a cargo de profesionais de prestixio internacional, caso de Pascal Oudet, Graeme Priddle e Hans Weissflog, así como do galego Manuel Castro

  • XIV Encontro de Torneiros de Xermade XIV Encontro de Torneiros de Xermade
  • A delegada da Xunta participou esta tarde na inauguración do XIV Encontro de Torneiros de Xermade A delegada da Xunta participou esta tarde na inauguración do XIV Encontro de Torneiros de Xermade

Xermade (Lugo), 18 de setembro de 2014.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, subliñou hoxe “o pulo á artesanía de Galicia” que está a realizar a Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria, e que está a promover “o impulso e a mellora da competitividade deste sector económico”. Arias fixo estas declaracións no marco da apertura do XIV Encontro de Torneiros en Galicia, que se celebra en Xermade dende hoxe ata o 21 de setembro.

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada pola delegada territorial de Economía e Industria e pola xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro Castro, considerou que “esta mostra xermadense, que é xa unha referencia no sector en toda Europa, é unha boa proba do potencial que posúe a comunidade neste ámbito”.

A delegada explicou que, durante catro días, Xermade converterase “nun espazo de exhibición e de formación no torneado de madeira, onde cada ano acoden profesionais non só de toda Galicia senón do resto de España e de Europa”.

O xoves e o venres terán lugar os talleres especializados impartidos por tres torneiros de recoñecido prestixio internacional. O francés Pascal Oudet, que xa participou con anterioridade nos Encontros, encargarase de falar sobre torneado de precisión; o neocelandés Graeme Priddle exporá os seus coñecementos sobre vasillas do Pacífico Sur; e o alemán Hans Weissflog falará sobre caixas perforadas.

Exposicións
O programa de actividades desta edición inclúe unha exposición retrospectiva do traballo do artesán galego Fernando Vérez, coordinador deste encontro dende os inicios xunto con Vicente Ledo e falecido recentemente. A mostra Poética e labras poderase visitar na Biblioteca Municipal de Xermade en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:30 horas.

A VII Exposición itinerante de madeira torneada poderase ver no Polideportivo Municipal de Xermade de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas. O domingo a partir das 10:00 horas da mañá terá lugar a selección das pezas da oitava edición desta exposición.

O torneiro galego Manuel Castro encargarase de explicar o torneado tradicional con llerga, o sábado, en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:30 horas, e o domingo de 10:00 a 13:30 horas. O sábado desenvolveranse as conferencias Coñecementos básicos de aerografía, impartida por Guillermo Lamberti, de 12:00 a 13:30 horas, e Uso de resinas no torneado de madeira, a cargo de Francisco Boyero de 16:00 a 17:00 horas. O programa completarase coa exposición e venda de maquinaria, ferramentas e publicacións relacionadas coa tornería.

O Encontro de torneiros, organizado pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño coa colaboración do Concello, permite poñer en valor e revitalizar o oficio do torneado en madeira e enmárcase na estratexia da Xunta de impulso ao sector artesán e de potenciación do talento galego.
 

Comparte