Nova: A segunda edición de Conecta Fiction incluirá un festival de series aberto ao público

13/02/2018
A segunda edición de Conecta Fiction incluirá un festival de series aberto ao público
O único encontro internacional dedicado en exclusiva á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos e Europa presentou hoxe en Madrid as principais novidades da cita que terá en Santiago do 18 ao 21 de xuño
O prazo de acreditacións e de presentación de proxectos ao pitching internacional comeza o xoves 15 de febreiro
Madrid, 13 de febreiro de 2018.- A segunda edición de Conecta Fiction, que terá lugar en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xuño, incluirá un festival de series aberto ao público xeral, co que se completará a dimensión profesional dun evento que abrangue xa todos os xéneros e etapas da ficción televisiva: xestación, programación, emisión, financiamento e contacto entre socios coprodutores.
Promovido pola Xunta de Galicia xunto con ICEX España Exportación e Inversiones e Fundación SGAE, Conecta Fiction é o único encontro internacional dedicado exclusivamente á coprodución de ficción para televisión entre América Latina, Estados Unidos de fala hispana e Europa. Despois do éxito do pasado ano, a Cidade da Cultura e distintos escenarios da capital de Galicia acollerán unha nova entrega do evento, cuxas principais novidades foron presentadas hoxe en Madrid polos seus artífices diante da prensa especializada e da industria audiovisual.
Así, o acto de presentación, celebrado no Flagship Telefónica Auditorio de Madrid, contou coa presenza de Jesús Oitavén, secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), así como de Javier Sierra, director xeral de Internacionalización da Empresa de ICEX, Inés París, presidenta da Fundación SGAE, e Ismael Calleja, do equipo de Produción Orixinal de Movistar+, ademais de Géraldine Gonard, CEO da produtora Inside Content e directora de Conecta Fiction.
Eixos do evento
Gonard foi a encargada de dar a coñecer as liñas mestras de Conecta Fiction 2, recordando como eixos fundamentais do evento o networking online continuado ao longo do ano ou a especial atención prestada ao talento de escritores e guionistas para poñelo en contacto directo con produtores e potenciais socios desde a orixe dos proxectos.
A principal novidade será a incorporación do Conecta Fiction Fest, un contedor de series de televisión que relacionará a industria cos espectadores e que colocará a televisión no calendario cultural galego mediante actividades de proxección dirixidas á audiencia xeral. A protagonista do Fiction Fest deste ano será, de forma monográfica, a produción de Movistar+.
Aposta polo audiovisual galego
En representación da Xunta de Galicia, Jesús Oitavén situou o evento no marco do "extraordinario nivel" do panorama do audiovisual galego, sector ao que se referiu como "moderno e competitivo". Destacou, neste sentido, que no ámbito da Comunidade traballan máis de 30 compañías dedicadas á produción de cine e televisión, cun emprego directo de 2.500 traballadores, e que Galicia é a terceira Administración autonómica de España que destina maior número de incentivos ao audiovisual, ademais de levar a cabo unha clara aposta pola internacionalización.
Apelou tamén á privilexiada situación xeográfica galega como ponte entre América e Europa, e aos logros xa acadados coa pasada primeira edición para afrontar Conecta Fiction 2018. "O negocio xira arredor do contido, que é o gran protagonista, nun momento no que as transaccións comerciais se dan na fase máis inicial do proxecto audiovisual porque os modelos actuais así o demandan. Nesta industria compiten as ideas, alguén as crea e alguén as necesita. E nós tratamos de facilitar o contexto e as ferramentas de traballo máis adecuadas para que estas propostas cheguen a materializarse", expresou, ao tempo que marcou como reto que o encontro figure xa como cita imprescindible dentro do circuíto internacional de eventos profesionais.
Encontro profesional no Gaiás
A parte máis profesional de Conecta Fiction será a que se desenvolva no Gaiás, onde se instalarán catro áreas de actividade diferenciadas: Caixa de Ficción, para reunións acordadas previamente pola plataforma online; Zona Conferencias, dedicada a paneis e casos de estudo; Zona Pitchings, para a celebración dunha sesión internacional con 10 proxectos seleccionados de América e Europa e outra sesión específica sobre o talento español con proxeccións procedentes do laboratorio da Fundación SGAE; e Zona Screenings, na que se ofrecerán proxeccións de series e miniseries con acceso exclusivo para acreditados.
A presentación serviu para anunciar os membros do comités editorial e asesor de Conecta Fiction, así como os prazos para formalizar as acreditacións e para presentar proxectos ao pitching internacional. Este último ábrese do 15 de febreiro ao 16 de abril. Tamén se avanzou que, se o ano pasado Arxentina foi o único país de honra, neste 2018 está previsto incrementar esta atención especial a outros dous territorios.