Nova: Preséntase o libro A cultura castrexa e galaico romana no Condado de Pallares

09/02/2018
Preséntase o libro A cultura castrexa e galaico romana no Condado de Pallares
O estudo, de Mar Neira e Javier Gómez, mereceu o galardón do Certame de Investigación Condado de Pallares, referencia para a investigación humanística en galego
A Xunta de Galicia, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, colabora con este premio
Taboada (Lugo), 9 de febreiro de 2018.- Os profesores e investigadores Mar Neira e Javier Gómez foron os protagonistas da presentación do libro A cultura castrexa e galaico romana no Condado de Pallares, froito dun traballo de investigación de máis dun ano e que se fixo acredor do premio do Certame de Investigación Condado de Pallares. O estudo publícase agora, como parte do premio, impulsado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, que promove a investigación humanística en galego en ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, o folclore ou a lingüística.
A Casa da Cultura de Taboada acolleu esta tarde a presentación da obra. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, gabou o labor dos premiados, así como o interese da obra, que “nos achega unha nova perspectiva sobre o noso pasado, sobre a importancia dos pobos que viviron antes ca nós nas terras que agora pisamos”.
A publicación afonda nos vestixios que os pobos castrexos e romanos deixaron nas terras que hoxe ocupan os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo e destaca, por exemplo, que no xacemento da Quintá de Agrade, a 10 quilómetros de Chantada, se agochaba a Aqua Quintina, “un dos grandes asentamentos romanos das terras de Pallares, unha vila que medrou ao atoparse nun lugar de paso”.
Anxo Lorenzo sinalou tamén que o libro dá conta “das tres grandes vías romanas que cruzaron estas terras” ou, referíndose á cultura castrexa, “documenta tamén preto de 100 recintos castrexos nesta área e dá unha cifra da poboación aproximada destes asentamentos”.
2018: Ano Europeo do Patrimonio Cultural
O responsable de Cultura lembrou a celebración durante este 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, “unha oportunidade extraordinaria para poñer en valor e difundir o rico patrimonio cultural de Galicia, un legado que temos a responsabilidade de protexer, promover e conservar”.
Anxo Lorenzo dixo que “iniciativas coma esta, promovida pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares son un importante referente, que se consolida en cada edición, grazas á calidade dos traballos presentados e tamén grazas á implicación das entidades que o fan posible”.
Investigación humanística en galego
A Consellería de Cultura e Educación, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, colabora con este premio para favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.
Desde a súa creación, este certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo.
Os municipios lucenses de Chantada, Guntín e Taboada; a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e mais Abanca colaboran na realización deste certame de investigación, que conta cunha dotación económica de 3.000 euros e que inclúe a publicación do traballo gañador.