Nova: A segunda semana de Escenas do Cambio arranca o xoves convertendo o Teatro Principal nunha cova

05/02/2018
A segunda semana de Escenas do Cambio arranca o xoves convertendo o Teatro Principal nunha cova
A artista Edurne Rubio tratará de que os espectadores se sintan espeleólogos por un día nunha viaxe á memoria familiar e tamén á memoria da historia de España
Completan o programa grandes nomes do panorama nacional e internacional como Maria Arnal & Marcel Bagés; Mithkal Alzghair cunha peza sobre a guerra siria; ou o francés Xavier Le Roy, cunha obra fundamental da danza moderna
A coreógrafa viguesa Estela Lloves amosará unha peza na que colabora a compositora Hada Benedito que fará música cunha vella bicicleta
O festival conta con colaboradores internacionais, como o Instituto Camões da Cooperação e da Lingua e o Istituto Italiano di Cultura di Madrid, cuxas representantes reuníronse na Cidade Cultura de Galicia coa súa directora-xerente
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018.- A programación do Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción Escenas do Cambio ergue de novo o pano este xoves, día 8, espallando a súa programación do Gaiás ao centro da capital galega coa peza do coreógrafo portugués Miguel Pereira ‘Miguel Meets Karima’, na Sala Agustín Magán no Centro Sociocultural de Santa Marta; e con ‘Light Years Away’, creación da artista Edurne Rubio que transformará nunha cova o Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Esta artista burgalesa, afincada en Bruxelas, pretende que os espectadores se sintan nesta obra verdadeiros espeleólogos nunha viaxe non só á memoria da súa familia —que formou parte nos anos 50 e 70 do século pasado do grupo de Espeleología Edelweiss— senón tamén da memoria da historia de España, xa que nas súas inmersións baixo terra podían abordar e falar de temas que aínda estaban baixo o lente vixiante e férreo da censura nesta época do tardo-franquismo.
Esta segunda semana de Escenas do Cambio tamén permitirá gozar dos últimos traballos de dous coreógrafos de referencia da nova danza portuguesa e galega, como son Miguel Pereira e Estela Lloves, que na peza que trae ao festival O tempo como dobrado un corpo colabora coa compositora Hada Benito que logra facer música cunha vella bicicleta.
Escenas do Cambio tamén traerá por primeira vez a Galicia a emblemática obra de Xavier Le Roy, Self Unfinished, peza fundamental da danza moderna, chea de intelixencia pero tamén de humor e que permitirá gozar o día 9, no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, dunha das obras máis valoradas da danza mundial actual.
A guerra de Siria e a música de Maria Arnal e Marcel Bagés para pechar o festival
Na liña inherente ao festival de darlle voz a creacións que dificilmente teñen saída nos circuítos escénicos máis convencionais, o último día de Escenas do Cambioe posibilitará ver Displacement, de Mithkal Alzghair sobre os efectos devastadores da guerra en Siria.
A música será a encargada de pór o peche, o 10 de febreiro, no Museo Centro Gaiás, á edición deste ano de Escenas do Cambio. Maria Arnal e Marcel Bagés traen á Cidade da Cultura o seu último traballo 45 cerebros y 1 corazón cun directo con novos matices electrónicos pero no que se lle dá continuidade a cadea de transmisión da cultura popular, que ten marcado o seu persoal estilo.
En www.escenasdocambio.org pódese consultar polo miúdo a información destes seis espectáculos, ao igual que a posibilidade de adquirir as entradas www.escenasdocambio.org
Rede internacional de colaboradores
A edición de 2018 de Escenas do Cambio continúa afianzando a súa rede internacional de colaboradores, colaborando con entidades que van desde o ámbito local ao internacional. Así, neste ano colaboran o Instituto Nacional de Artes Escénicas y de la Música ( INAEM), o Institut Français, o Instituto Camões da Cooperação e da Lingua en Vigo ou o Istituto Italiano di Cultura di Madrid.
Precisamente, as directoras destas dúas últimas institucións, Laura Pugno e Carla Sofia Amado, desprazáronse á Cidade da Cultura para coñecer de primeira man o desenvolvemento do festival co que colaboran e manter unha reunión coa súa directora-xerente, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a dirección de Acción Cultural, María Pereira Otero.
Desde Galicia, colaboran tamén no festival a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), o Centro Dramático Galego (CDG), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Concello de Santiago de Compostela.