Nova: O Museo Etnolóxico de Ribadavia inaugura a mostra Miradas a la arquitectura popular en España

26/01/2018
O Museo Etnolóxico de Ribadavia inaugura a mostra Miradas a la arquitectura popular en España
A sala de exposicións da entidade acolle unha mostra producida polo Museo Etnográfico de Castilla y León, que permanecerá aberta ata o día 28 de febreiro
A ampla selección das fotografías do arquitecto Carlos Flores proporciona unha visión científica e global dun patrimonio cultural non sempre recoñecido
Ribadavia (Ourense), 26 de xaneiro de 2018.- A exposición Miradas a la arquitectura popular en España. Colección fotográfica de Carlos Fuentes, producida polo Museo Etnográfico de Castilla e León, inaugurouse esta tarde no Museo Etnolóxico de Ribadavia, onde se poderá visitar ata o vindeiro día 28 de febreiro. A partir dunha selección de imaxes da colección de Carlos Flores (arredor de 7.000 negativos), creouse unha instalación mixta, articulada en cinco seccións temáticas nas que se mesturan proxeccións audiovisuais, fotografías e soporte textual, que chega agora a Galicia.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou esta tarde na inauguración do evento, onde se referiu á arquitectura popular en España coma “un patrimonio vivo, que cómpre conservar e protexer”. Segundo afirmou, a instalación pon en valor esta arquitectura “facendo fincapé no respecto ambiental, na eficiencia enerxética e tamén nas tipoloxías construtivas que a caracterizan, así como nuns trazados urbanos pensados por e para o ser humano”. No acto inaugural estiveron presentes, xunto con Anxo Lorenzo, o director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, César Llana, e o director do Museo Etnográfico de Castilla y León, José Luis Calvo.
Gratitude pola itinerancia
O Museo Etnográfico de Castilla y León custodia o arquivo fotográfico do arquitecto Carlos Flores (autor da obra de referencia Arquitectura popular española) e o secretario xeral de Cultura agradeceulle á entidade castelá leonesa “a itinerancia deste percorrido subxectivo polo patrimonio material e social que volve poñer en valor a arquitectura popular como referente para o desenvolvemento contemporáneo. E, ao tempo, recoñécelle a Carlos Flores o seu papel como expoñente da investigación na arquitectura española”.
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Cultura, colabora con este proxecto expositivo que, como destacou Anxo Lorenzo, se converte nunha nova mostra do que a cooperación entre institucións e comunidades pode xerar, en beneficio de todos os cidadáns.
Carlos Flores, un arquitecto referente para os etnógrafos
Carlos Flores (Cuenca, 1928) obtén o título en Arquitectura e o grao de doutor en Madrid. A súa obra Arquitectura Española Contemporánea (1961) contribuíu á consolidación do Movemento Moderno en España e deulle o recoñecemento profesional dentro e fóra de España. En 1973 publica Arquitectura Popular Española, obra en cinco volumes na que ao lado dunha tese socioeconómica propia acerca da arquitectura tradicional, inclúe un extenso apartado gráfico que desde a mirada do arquitecto constitúe unha achega de necesaria consulta para o etnógrafo.