Nova: A Cidade da Cultura preséntase en Fitur 2018 como recurso turístico estratéxico para Galicia

19/01/2018

A Cidade da Cultura preséntase en Fitur 2018 como recurso turístico estratéxico para Galicia

O expositor de Galicia en Fitur 2018 acolleu unha presentación a cargo da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo

O Gaiás sitúase como un activo turístico contemporáneo de gran valor para Santiago, cidade na que o principal atractivo é o patrimonio histórico

O complexo organiza anualmente unhas 200 actividades culturais e acolle unha media de 300 eventos de entidades públicas e privadas

  • A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá a institución do Gaiás como “recurso turístico estratéxico” no stand de Galicia en Fitur 2018, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá a institución do Gaiás como “recurso turístico estratéxico” no stand de Galicia en Fitur 2018, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro
  • A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá a institución do Gaiás como “recurso turístico estratéxico” no stand de Galicia en Fitur 2018, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá a institución do Gaiás como “recurso turístico estratéxico” no stand de Galicia en Fitur 2018, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2018.- A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá a institución do Gaiás como “recurso turístico estratéxico” no expositor de Galicia en Fitur 2018, acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Na súa intervención na prestixiosa feira internacional celebrada en Madrid, Vázquez Reboredo ofreceu un “relato actualizado” desta “infraestrutura consolidada”, onde ademais da cultura se apoia o emprendemento e a tecnoloxía, e “cun enorme potencial para a captación de visitantes, promovendo o turismo cultural desde unha óptica contemporánea”.

Neste sentido, e segundo explicou a súa directora-xerente, a Cidade da Cultura engade un alto valor turístico a Galicia e á súa capital, tanto polo seu interese e forza arquitectónica, como pola intensa actividade dun espazo onde xa traballan a diario 500 persoas e cada ano se organizan unha media de 200 actividades culturais só no que respecta á súa programación propia.

Ademais, salientou Vázquez Reboredo, o Gaiás é unha infraestrutura que “contribuirá á desestacionalización do turismo, ao constituír un importante atractivo para o turismo profesional”, podendo acoller eventos de gran formato ao longo de todo o ano. Actualmente, as instalacións albergan xa unha media de 300 eventos anuais de empresas, institucións e outros colectivos.

Por outra banda, nun contexto no que Santiago de Compostela se sitúa como destino turístico en alza, cun incremento sostido en afluencia de visitantes impulsado entre outros factores polo fenómeno Xacobeo, o Gaiás “permite diversificar a oferta turística da capital, ofrecendo unha opción contemporánea a unha cidade que asentou a súa oferta turística no seu valor histórico”. Deste xeito, a alternativa que ofrece a Cidade da Cultura “contribuirá a reequilibrar os fluxos turísticos”, engadiu, e evitar as aglomeracións que afectan ao entorno da catedral compostelá.

Mellora das comunicacións

Actuacións actualmente en marcha na mellora das comunicacións do complexo, explicou Vázquez Reboredo, reforzarán o seu valor como recurso turístico. Neste ámbito enmárcase a próxima construción dun enlace directo coa AP-9, que “terá un impacto extraordinario, ao unir o Gaiás coa principal arteria de comunicación da comunidade”.

Tamén se está a impulsar a integración da Cidade da Cultura con Santiago a través dunha mellora das conexións en transporte público e nas rutas de acceso desde a zona vella. “No prazo dun ano”, remarcou, “chegar á Cidade da Cultura será máis fácil e atractivo para todos”.

Traballo conxunto

Co obxectivo de artellar novas vías de promoción e comercialización, a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia animou a realizar unha “acción concertada das diferentes administracións”. Vázquez Reboredo quixo finalizar expresando a vontade da institución que representa de “pór todos os nosos recursos ao servizo dos actores públicos e privados implicados no desenvolvemento turístico Galicia, xa que estamos convencidos de que a Cidade da Cultura chegou para sumar”.

Comparte