Nova: Xosé Constenla faise coa XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

29/12/2017

Xosé Constenla faise coa XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

O traballo O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país impúxose a outros catro concorrentes e resultou merecente deste galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia en colaboración con Gas Natural Fenosa

O xurado destaca no seu ditame que o texto “amosa unha fonda eleboración teórica que logra demostrar a necesidade dunha lectura xeográfica da realidade”

  • Imaxe de Ramón Piñeiro, das bases da XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio Imaxe de Ramón Piñeiro, das bases da XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa
  • O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2017.- O xeógrafo compostelán e profesor universitario Xosé Constenla Vega fíxose coa XVII edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, galardón que convocan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia coa colaboración de Gas Natural Fenosa, pola obra O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país. Está dotado con 3000 euros e coa publicación do traballo por Galaxia no vindeiro ano.

Así o deu a coñecer este mediodía o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, nunha rolda de prensa na que quixo recordar que “este premio naceu no ano 2000 á memoria do escritor, filósofo e galeguista que lle dá nome e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo”.

Santa Mariña ou a apropiación do celtismo polo cristianismo

O ensaio O colapso territorial en Galiza. Unha lectura dende o espazo da construción social do país, premiado co XVII Premio Ramón Piñeiro, amosa unha fonda eleboración teórica. O xurado, integrado por Dolores Vilavedra Fernández, Luís Alonso Girgado, Manuel Núñez Singala, Inma López Silva e Carlos Lema destaca a calidade dos cinco orixinais que concorreron a esta edición como da variedade de temas tratados neles.

Xeógrafo e profesor universitario

Licenciado e Doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Constenla Vega é técnico especialista en Sistemas de Información Xeográfica (2006). Foi profesor de Xeografía na Universidade da Coruña e mais na Universidade Carlos III de Madrid e investigador no Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Traballou durante 8 anos como xeógrafo na Área de Urbanismo e Ordenación do Territorio de IDOM e é, na actualidade, é profesor da Universidade de Vigo na área de Didáctica das Ciencias Sociais e tamén na Universidade de León na Área de Xeografía Humana. Ten publicado diversos traballos e artigos en revistas de ámbito estatal e internacional.

Un galardón con dezasete obras premiadas

Fixéronse co galardón ao longo das dezaseis edicións anteriores, Basilio Lourenço Fondevila, pola obra A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder; Anxo A. Rei Ballesteros, por Tempo e vinganza; Xosé Luís Barreiro Rivas, por A terra quere pobo; Teresa Moure, por Outro idioma é posible; Rebeca Baceiredo, por O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo; Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero, por Psicopatoloxía do retorno; María López Sández, por Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio; Xosé Ramón Quintana Garrido, por Un longo e tortuoso camiño; Manuel Pérez Rúa, por Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950, Ramón Máiz, por A arte do imposible; Teresa Moure, por Queer-emos un mundo novo; Xaime Subiela, por Para que nos serve Galiza?; José María Durán Medraño, por Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx; Luís García Soto, por Barthes filósofo; Santiago Lamas e Alfonso Mato, por De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo e mais Rafael Quintía Pereira, por Mariña, de deusa a santa. A advocación de Santa Mariña na cristianización da Gallaecia.

Comparte