Nova: Preto de 230.000 persoas visitaron en 2017 a biblioteca Miguel González Garcés da Coruña

19/12/2017
Preto de 230.000 persoas visitaron en 2017 a biblioteca Miguel González Garcés da Coruña
O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou as dependencias, onde coincidiu cun grupo de estudantes de segundo e terceiro da ESO do IES Elviña
A programación para o Nadal inclúe a exposición Camiño a Viena, unha mostra de debuxos escolares composta por 200 traballos procedentes de 22 países
A Coruña, 19 de decembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, acompañado polo xefe do servizo de Cultura, Jesús Espada, e pola directora da propia biblioteca, Marisol González. Na súa visita Rodeiro coincidiu cun grupo duns 70 alumnos de segundo e terceiro da ESO do IES Elviña.
Ovidio Rodeiro aproveitou a ocasión para lembrar que durante o Nadal as bibliotecas públicas dependentes da Xunta de Galicia ofrecen unha programación especial, tendo en conta os días non lectivos durante estas festas. Así, a biblioteca González Garcés mantén aberta a exposición Camiño a Viena, organizada pola Fundación Paz y Cooperación, e que estará aberta ata o vindeiro 5 de xaneiro. Trátase dunha mostra de debuxos escolares de todo o mundo composta por 200 traballos procedentes de 22 países, que reflicten os valores compartidos e os ideais das Nacións Unidas.
Ata o 31 de decembro, a biblioteca celebra, na súa primeira planta, Lecer e agasallos no Nadal, unha recompilación de mostras bibliográficas con motivo da conmemoración do nacemento do editor e político galego Ánxel Casal Gosenxe. A programación para o que resta de ano complétase coas actividades Facendo o Nadal e A viaxe de Nano, os sábados 23 e 30 ás 12,00 do mediodía. A primeira é un obradoiro deseñado para o desenvolvemento da creatividade mediante o emprego de diferentes materiais, dando forma a diferentes adornos ou agasallos pensados para o Nadal. O segundo vai dirixido a nenos de 0 a 3 anos acompañados por un adulto. En ambos os casos é necesario inscribirse previamente.
Xa no 2018, o xoves 11 de xaneiro a biblioteca celebra o día do usuario e da usuaria, convidando a todos os seus lectores a participar nas actividades conmemorativas previstas na biblioteca: Visitas guiadas á biblioteca ás 10,00 e ás 17,00 horas para todos aqueles que desexen coñecer os servizos, espazos e coleccións coas que contan; e nomeamento de Socios de Honra, que recaerá nos tres usuarios infantís e nos tres adultos con máis préstamos durante 2017.
O 5 de xaneiro inaugurarase a exposición do VI Certame de Fotografía e Pintura Luces e Cores de Elviña, organizado pola Asociación de Veciños da 2ª Fase. A programación de xaneiro complétase, entre outras actividades, coas visitas guiadas, visitas escolares, programas de formación de usuarios, e clubs de lectura en inglés, galego e para adultos
A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés é un centro bibliográfico e documental que dispón de todos os servizos necesarios para dar resposta á demanda cultural e de formación que actualmente require a cidadanía. Instalada dende 1995 nun edificio de nova planta, consta de tres andares e ocupa unha superficie de 5.869 m2 útiles. En 1989, o Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia asinan un convenio polo que se transfire a súa xestión á administración galega mentres que o Estado segue conservando a titularidade.
En setembro de 1994 modifícase o convenio no que se refire ao emprazamento da biblioteca, que pasa dende ese momento ao edificio actual, inaugurado en 1995, e a denominarse Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés en memoria do poeta e historiador que foi director da mesma dende os anos 40 aos 80 do pasado século. Na actualidade o edificio está en obras para mellorar os seus servizos ao público coas reformas da sala infantil e xuvenil, e da sala de medios audiovisuais e hemeroteca. Tamén estase a mellorar a súa accesibilidade coa construción dunha rampla no exterior.
A biblioteca medra
No 2017 visitaron a biblioteca un total de 229.642 persoas, o que supuxo un incremento dun 6,4% con respecto ao ano 2016. Na actualidade conta con 40.332 usuarios inscritos o que supón un incremento do 15% respecto ao 2016. A Miguel González Garcés ten unha importante colección duns 222.000 documentos dos cales 5.138 son libros libros anteriores a 1901, 19.000 películas e discos compactos de música, 4.135 cómics de adultos, e 40.210 documentos na sala infantil.
Tamén conta cun fondo importante de carteis conservados grazas á normativa do Depósito legal, dos cales 876 están dixitalizados e pódense consultar a través da páxina web. No que vai de ano 2017 prestáronse 140.635 libros, 126.333 a adultos e 14.302 no servizo infantil.
Na actualidade, o equipo da biblioteca está formado pola directora, catro técnicos, 14 auxiliares, tres auxiliares administrativos, tres ordenanzas e un subalterno. Realiza ao longo do ano diversas actividades para adultos e para o público infantil xuvenil. Neste ano realizáronse 246 actividades, das que 80 foron de promoción da lectura, 85 de formación e aprendizaxe, 14 exposicións, 38 actividades culturais e 29 doutra natureza
Ovidio Rodeiro interesouse polo funcionamento da biblioteca e instou aos seus traballadores a “abrir as portas e as fiestras para que a xente sinta este centro como algo propio”. “Unha biblioteca na que os cidadáns non entren, non pregunten, non interactúen e non se asomen con curiosidade non ten razón de ser”, sinalou o delegado.