Nova: Impulso á dinamización do sector do libro e ao fomento da lectura con novas medidas

15/12/2017
Impulso á dinamización do sector do libro e ao fomento da lectura con novas medidas
Anxo Lorenzo presidiu a xuntanza do Consello Asesor do Libro, na que participaron diferentes representantes das administracións autonómica e local, e das principais entidades galegas deste ámbito
A Consellería de Cultura anunciou unha nova liña de subvencións conxunta dirixida a concellos para a compra de novidades editoriais en galego e de mellora das coleccións bibliográficas da Rede de Bibliotecas Públicas, dotada con 550.000 euros e que será convocada a próxima semana
Tamén presentou na reunión novas actuacións para impulsar o préstamo de materiais electrónicos nas bibliotecas, coa incorporación á plataforma GaliciaLe dun catálogo audiovisual con preto de 80 obras
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017.- A Biblioteca e Arquivo de Galicia acolleu esta mañá a reunión do Consello Asesor do Libro, un organismo dedicado ao estudo e ao asesoramento sobre as políticas relacionadas coa Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia. Representantes das administracións autonómica e local, e das principais entidades galegas vinculadas co sector do libro –entre elas, a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e a Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia– participaron na xuntanza, presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Durante a reunión, Anxo Lorenzo anunciou a próxima convocatoria dunha nova liña de subvencións para os concellos dotada con 550.000 euros e dirixida tanto á compra de novidades editoriais en galego como á mellora das coleccións bibliográficas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. Os obxectivos principais destas axudas, que se convocan conxuntamente por vez primeira, son mellorar os servizos bibliotecarios galegos, garantir o acceso cidadá á produción editorial e impulsar o comercio do libro en Galicia.
Incorporación dun catálogo audiovisual a GaliciaLe
Tamén co fin de impulsar o servizos bibliotecarios galegos e de favorecer o consumo cultural por parte da cidadanía, Anxo Lorenzo presentou na reunión novas actuacións en materia de préstamo de materiais electrónicos nas bibliotecas. Como novidade, está prevista a incorporación dun catálogo audiovisual á plataforma de préstamo en liña GaliciaLe, que inclúe curtas, longametraxes e documentais galegos.
En total son 77 obras de 17 produtoras do cine galego dos últimos 25 anos, entre as que se inclúen curtas, longametraxes de ficción e de animación, e documentais. Continental, O descoñecido, A esmorga, Lobos sucios, Os increibles e De bares son algúns dos títulos que estarán dispoñibles na plataforma de préstamo en liña da Rede de Bibliotecas Públicas. Ademais, GaliciaLe incoroporou recemente un total de 128 titúlos de libro electrónico en galego, xunto con titulos e revistas en castelán facilitados polo Goberno central a través da plataforma eBiblio.
Este servizo gratuíto que ofrece GaliciaLe é accesible para todos os usuarios e as usuarias das bibliotecas públicas galegas as 24 horas ao día e os 365 días do ano, a través da rede.
Os obxectivos da Estratexia da Cultura Galega 2021 para o sector do libro, o Mapa de bibliotecas de Galicia, os principais programas de dinamización da lectura, como Ler conta moito; as feiras do libro de Galicia e internacionais, as axudas á tradución e a regulación do Depósito Legal en Galicia –coa redacción dun anteproxecto de Decreto pioneiro na materia entre as lexislacións autonómicas, que aborda nun mesmo texto normativo as publicacións en soporte tanxible e non tanxible– foron outros dos temas que se abordaron na reunión.
O Consello Asesor do Libro
A Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia establece entre as funcións do Consello Asesor do Libro a elaboración de informes de seguimento dos índices de lectura da poboación galega e da produción editorial realizada en Galicia e en lingua galega, a elaboración de propostas de actuación para o fomento da lectura e para a mellora dos diferentes subsectores da edición e comercialización do libro, así como a emisión de informe en todas as cuestións relacionadas coa planificación da política do libro e os regulamentos que rexan e desenvolvan a dita política.