Nova: O Museo do Pobo Galego presenta unha publicación que recolle as actas do congreso Repensar Galicia. As Irmandades da Fala

12/12/2017

O Museo do Pobo Galego presenta unha publicación que recolle as actas do congreso Repensar Galicia. As Irmandades da Fala

O libro recompila en varios artigos os contidos do simposio que no mes de novembro do 2016 pechou o ano do centenario das Irmandades da Fala

A Consellería de Cultura e Educación colabora cun proxecto que pon a disposición do público un documento de gran valor histórico e divulgativo

 

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2017.- O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a publicación que recolle as actas do congreso Repensar Galicia. As Irmandades da Fala. Trátase da compilación dos contidos que se trataron no simposio do mesmo nome co que se pechou a programación dedicada á conmemoración do centenario do nacemento das Irmandades da Fala, en 2016.

Para o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou na rolda de prensa, esta obra pon a disposición do público un documento de gran valor histórico e divulgativo, xa que “queda como testemuño da renovación cultural propiciada polas Irmandades da Fala en todos os eidos: plástica, música, artes ao vivo e cuestións socioeconómicas”.

No acto de presentación interveu, canda o secretario Xeral de Cultura, o presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi, e participaron tamén Uxío-Breogán Diéguez e Xosé Manuel González Reboredo, editores literarios da obra, xunto co propio Beramendi, Carme Fernández e Pilar García Negro.

O documento compila todos os temas que no seu día se abordaron no congreso: ideoloxías e programas, organización e acción política, lingua, literatura e medios de comunicación, economía e sociedade, a cuestión de xéneros, as ciencias, as artes plásticas e a música, ou as relacións exteriores no eido das Irmandades da Fala.

Lorenzo lembrou tamén o labor deste grupo “no cultivo do galego no seu afán de dignificar a lingua, buscando que fose un idioma plenamente actual e útil naquela sociedade do primeiro terzo do século XX”. Unha defensa da que afirmou que a Xunta se sente herdeira, ao continuala con fitos como a lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía ou o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020.

 

Comparte