Nova: O Centro Ramón Piñeiro recibe unha doazón de valiosos materiais de lingüística e etnografía

11/12/2017
O Centro Ramón Piñeiro recibe unha doazón de valiosos materiais de lingüística e etnografía
O secretario xeral de Política Lingüística e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades recibiron a doazón de Elixio Rivas este mediodía no Pazo de San Roque
O investigador, profesor e sacerdote Elixio Rivas destacou nos campos da onomástica, da etimoloxía e da etnolingüística
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2017.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), dependente da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acolle desde hoxe unha importante parte dos materiais científicos manexados polo profesor Elixio Rivas para a elaboración dos seus traballos de onomástica, etimoloxía e etnolingüística.
O acto de entrega desta importante doazón celebrouse esta mañá na Sala Sarmiento do propio CRPIH, onde Elixio Rivas lles entregou ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e ao coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, uns materiais que inclúen as súas fichas de toponimia dixitalizadas, fotolitos das súas obras e diversas fotografías.
Centro Ramón Piñeiro
Valentín García agradeceu a xenerosidade de Elixio Rivas, a quen lle asegurou que o Centro Ramón Piñeiro “custodiará como merece este agasallo e empregarao nos seus proxectos, para sacar del un partido que redunde en beneficio da lingua e da sociedade galegas”. O secretario xeral lembrou tamén que “este legado se une a outros fundamentais, como o recentemente entregado pola familia do profesor Untermann, o que é mostra do prestixio e a crecente valoración do Centro Ramón Piñeiro entre os investigadores, que nos confían os materiais resultado de toda unha vida de traballo”.
Elixio Rivas
Elixio Rivas Quintas (A Abeleda, Xunqueira de Ambía, 1925) é sacerdote, profesor, etnógrafo e lingüista, disciplina na que se dedicou, fundamentalmente, aos campos da onomástica, a etnolingüística e a etimoloxía.
É o investigador que recolleu o maior volume de léxico referido á cultura material de toda a historia de Galicia. No ámbito da etimoloxía é autor dun Dicionario etimolóxico galego que supón un avance con respecto aos antecedentes de Sigrid Buschmann e de Harry Meier. Polo que se refire á onomástica, é membro da Comisión de Toponimia de Galicia e, ademais da súa tese de doutoramento sobre a toponimia de Marín, ten publicados diversos traballos en que engade a unha importante recolleita de onomástica galega documentación histórica dos topónimos e antropónimos estudados.
Foi distinguido co Premio Otero Pedrayo (1980) e, máis recentemente, coa Medalla Castelao (2000).