Nova: A literatura galega, protagonista na programación da Feira Internacional do Libro de Guadalajara

25/11/2017

A literatura galega, protagonista na programación da Feira Internacional do Libro de Guadalajara

O conselleiro de Cultura e Educación e o secretario xeral de Cultura participaron hoxe na inauguración da FIL2017

María Canosa, Paula Carballeira, Federico Fernández e Mariluz Ferreiro difunden a creación artística literaria de Galicia con charlas e lecturas poéticas na cita profesional do sector editorial máis importante de Iberoamérica

Desde o pasado 25 de novembro ata o 3 de decembro a cultura galega está presente na trixésimo primeira edición da feira, cun stand de Galicia e cun programa de actos profesionais e para público xeral

 

  • Foto © FIL/Nabil Quintero Milián Foto © FIL/Nabil Quintero Milián
  • A literatura galega, protagonista na programación da Feira Internacional do Libro de Guadalajara A literatura galega, protagonista na programación da Feira Internacional do Libro de Guadalajara

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron hoxe cunha parte da delegación galega na inauguración da Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara.

Nesta trixésimo primeira edición do que constitúe o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica –que se desenvolve na cidade mexicana ata o próximo 3 de decembro–, a cultura galega está representada por María Canosa Blanco, por Paula Carballeira, por Federico Fernández e por Mariluz Ferreiro. Unha escolma de autores e de autoras pensada particularmente para amosar a forza e vixencia da literatura infantil e xuvenil galega, que ten sido recoñecida nos tres últimos anos con dous Premios Nacionais.

A literatura galega será protagonista estes días na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, coa programación de actividades promovida pola Consellería de Cultura e Educación para impulsar a proxección exterior da cultura galega e para favorecer novas oportunidades comerciais para o sector editorial galego.

Os autores e autoras participarán en diversas actividades para dar a coñecer a creatividade literaria galega no espazo internacional, con conferencias, contacontos, presentacións, sinaturas de libros e encontros, tanto no marco da programación cultural promovida pola Xunta de Galicia como nas actividades programadas pola organización da feira.

Para dar a coñecer e promover o sector editorial galego, a Xunta de Galicia tamén dispón na feira dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes dalgunhas das principais editoriais galegas. Ademais, Kalandraka e Nova Galicia Edicións contan cun stand propio na feira.

Proxección do libro galego nas feiras internacionais

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co sector editorial, unha programación desenvolvida en acordo coa Asociación Galega de Editores. Durante este 2017, Galicia participou cun stand propio nas feiras internacionais de Boloña, de Frankfurt e Buenos Aires, ademais de regresar a Liber (Madrid), logo da última presenza institucional en 2011.

Oportunidade comercial

Coa súa participación nas feiras internacionais do libro, os profesionais do sector teñen a oportunidade de estreitar lazos e de favorecer acordos comerciais con editores e distribuidores de numerosos países americanos. Autores, axentes literarios, bibliotecarios, libreiros e máis de 2.000 editoriais de case 50 países participan nesta feira, que acada unha cifra de 800.000 visitantes.

 

Comparte