Nova: A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana o Maker Faire Galicia, un escaparate de creatividade e enxeño

25/11/2017

A Cidade da Cultura acolle esta fin de semana o Maker Faire Galicia, un escaparate de creatividade e enxeño

A primeira xornada estivo enfocada ao sector profesional, mentres que as do sábado e domingo son abertas e pensadas para todos os público con obradoiros para nenos e adultos

Robots educativos e inventos vencellados á educación e á ciencia, entre o medio cento de proxectos que presentarán os 200 ‘makers’ participantes

Unha das participacións salientables desta edición é o faladoiro de Richard Stallman, unha das figuras máis significativas de movemento do software libre a nivel mundial

 

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia acolle esta fin de semana, a III Maker Faire Galicia, un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas, onde a educación ten un peso relevante entre os 50 proxectos dos 200 ‘makers’ que participan este ano, unha cifra superior á media das anteriores edicións.

A directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez-Reboredo, participou hoxe nunha visita institucional polas diferentes áreas da feira xunto á subdirectora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez Fernández, e á concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Marta Lois. A directora-xerente aproveitou este encontro cos ‘makers’ participantes para lembrar que a tecnoloxía figura, xunto coa cultura e o emprendemento, como un dos tres eidos nos que opera o Gaiás.

Durante esta fin de semana, o Museo Centro Gaias converterase nun lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais. Este ano, o evento celebra a súa terceira edición consolidándose como a máis importante da península, tanto en número de inventores como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París.

Ademais, nesta edición entre os proxectos de gastronomía, robótica, mecánica, arte urbana, electrónica e artesanía, atópanse iniciativas vinculadas ao ámbito pedagóxico e científico como o robot educativo ‘Robobo’.

Entre as diferentes actividades e presentación de inventos, haberá un espazo específico para que os nenos e nenas experimenten e innoven a través de obradoiros. Estes talleres non serán só para a cativada, senón que na Maker Farie Galicia están programados talleres para adultos onde, entre outras moitas técnicas, se mesturan a serigrafía e a cestería, empregando técnica do Plaiting.

Richard Stallman

Ademais, entre a programación, contarase coa presenza de relatores como David Cuartielles ou Richard Stallman, unha das figuras máis significativas do movemento do software libre a nivel mundial, coñecido por ter creado en 1983 o sistema operativo GNU, actualmente parte de GNU/Linux, a primeira alternativa aos principais sistemas operativos propietarios: Windows e MacOS.

A charla de Richard Stallman, o domingo día 26, será un dos pratos fortes desta terceira edición da Galicia Maker Faire, que ademais contará con numerosas actividades de divulgación e entretemento orientadas a todos os públicos e disciplinas: obradoiros de innovación e creatividade, campionatos de drons, robótica, actuacións interactivas e moito máis.

Xornada pechada para profesionais

A edición que se celebra este ano na Cidade da Cultura de Galicia deu un salto cualitativo ao respecto doutros anos xa que ampliou un día máis a súa celebración ao deseñar unha xornada só para profesionais, favorecendo que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo.

Esta xornada profesional, que se celebrou o primeiro día da feira, organizouse baixo a temática da ‘Industria 4.0. Retos e oportunidades do movemento maker’ con foros sobre a robótica e a intelixencia artificial ou o estado da arte da industria 4.0, entre outras mesas de debate e análise.

Salto internacional

Como obxectivo deste ano, a feira busca dar o salto internacional, para o que conta con relatores e expositores de referencia a nivel mundial, con participantes chegados dos Estados Unidos ou de Reino Unido entre outros, dándolle unha visibilidade maior ao evento e que esperan repercuta en novas oportunidades de negocio para as empresas e ‘makers’ participantes.

Coa divulgación dos proxectos a través do ‘Movemento Maker’, a Galicia Maker Faire procura que creza a inquietude por innovar, xerando un punto de contacto para a transmisión de coñecemento entre as distintas xeracións.

Comparte