Nova: Estíbaliz Espinosa gaña o XV Premio de Poesía Afundación

21/11/2017

Estíbaliz Espinosa gaña o XV Premio de Poesía Afundación

As neuronas irmás foi seleccionada polo xurado entre preto dunha trintena de traballos que concorreron ao certame, promovido por Afundación co apoio da Consellería de Cultura e Educación

O traballo, recoñecido con 6.000 euros, será publicado na colección Arte de Trobar do Centro PEN de Galicia

 

  • Estíbaliz Espinosa gaña o XV premio de poesía Afundación Estíbaliz Espinosa gaña o XV premio de poesía Afundación
  • Estíbaliz Espinosa gaña o XV premio de poesía Afundación Estíbaliz Espinosa gaña o XV premio de poesía Afundación

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2017.- Estíbaliz Espinosa é a gañadora do XV Premio de Poesía Afundación, que a entidade convoca xunto ao Centro PEN de Galicia coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Así o anunciaron esta tarde en Santiago de Compostela o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; e o presidente e mais o secretario do xurado, Luís González Tosar e Xabier Castro Martínez, respectivamente, nunha rolda de prensa á que tamén asistiron as escritoras Berta Dávila e María Neves Soutelo, e o escritor Mario Regueira, membros do xurado.

A obra As neuronas irmás, presentada pola súa autora baixo o lema Curiosa, foi seleccionada entre os 29 orixinais inéditos que se presentaron á décimo quinta edición do certame.

 

Darlle visibilidade á creación poética

Durante a presentación da obra gañadora, o secretario xeral Cultura incidiu na necesidade de darlle a máxima visibilidade á creatividade dos novos autores e autoras galegos, nomeadamente en ámbitos que contan con menos facilidades para chegar ao público, coma o poético. Neste sentido, amosouse convencido da “importancia de favorecer a convocatoria de certames que contribúan a recoñecer e a divulgar as voces dos nosos escritores e escritoras, que están a desenvolver propostas de gran calidade literaria”. “Polo tanto –asegurou–, desde a Xunta de Galicia seguiremos contribuíndo a facer visible a realidade creativa que existe na nosa terra”.

Pola súa banda, Pedro Otero, director xerente de Afundación, subliñou que “a nosa entidade considera imprescindible e estratéxico para a cultura e a lingua galegas fomentar o coñecemento do xénero poético a través deste premio literario”. Con esta misión e obxectivo iniciou a súa andaina no ano 2002. Desde entón ten no seu haber máis dunha ducia de libros de poemas de autores noveis e consagrados que se agrupan na colección Arte de Trobar, que edita o Centro PEN de Galicia. “É, por tanto, un orgullo para nós anunciar un novo nome gañador para incluír na xa ampla nómina de poetas galardoados”.

 

Un certame de referencia

Xunto coa dotación económica de 6.000 euros, o galardón implica a publicación da obra gañadora na colección Arte de Trobar. Foi no ano 2002, a instancias do Centro PEN de Galicia e de Afundación, cando o premio botou a andar. No seu elenco de gaña-dores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Vale Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello ou Olalla Cociña, gañadora da anterior convocatoria.

O premio, que celebra a súa décimo quinta edición, conta desde hai anos co apoio e a participación da Xunta de Galicia, cuxa implicación no proxecto garante a estabilidade do galardón e contribúe a preservar esta cita de referencia na axenda cultural galega, á vez que estimula a creación literaria.

 

Comparte