Nova: A feira Culturgal celebra o seu décimo aniversario con máis de 130 actividades e 120 expositores

20/11/2017

A feira Culturgal celebra o seu décimo aniversario con máis de 130 actividades e 120 expositores

A Xunta incrementou o apoio económico ao evento, ademais de contribuír ao seu programa cunha quincena de citas e un stand institucional nos que, como explicou o secretario xeral de Cultura, o Pergamiño Vindel terá un especial protagonismo

Presentouse en Pontevedra a edición que terá lugar do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura con Portugal como país convidado e a incorporación dun espazo dedicado á arte contemporánea como principais novidades

 

Pontevedra, 20 de novembro de 2017.- Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, desvelou hoxe o programa completo do seu décimo aniversario, que se desenvolverá en Pontevedra do 1 ao 3 de decembro. O Pazo da Cultura será o escenario de máis de 130 actividades, dirixidas tanto aos profesionais como ao público xeral, ademais de acoller 120 expositores nun recinto feiral que volverá propiciar a mediación entre empresas, institucións e cidadanía arredor da cultura feita en Galicia.

Como en anos anteriores, a Xunta comprométese con este encontro a través do apoio económico á Asociación Culturgal, que se incrementou ata os 55.000 euros, así como dunha quincena de presentacións, proxección e obradoiros, e dun amplo stand desde o que se dará conta das programacións impulsadas pola Consellería de Cultura e Educación. Ademais, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) disporá dun expositor propio no novo Espazo Arte Contemporánea da feira.



Así o expuxo o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación do décimo Culturgal, na que tamén interviñeron a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; o deputado de Cultura da Deputación Provincial, Xosé Leal; o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, e o director da feira, Xosé Aldea. Tamén asistiu ao acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Anxo Lorenzo, quen puxo Culturgal como exemplo “dos froitos dunha colaboración fluída entre entidades públicas e privadas en beneficio da cidadanía”, explicou que o Pergamiño Vindel vai ter unha destacada presenza no programa de actividades que a consellería desenvolverá no marco da Feira das Industrias Culturais. “A estadía deste manuscrito en Galicia, o único testemuño conservado das cantigas de amigo galego-portuguesas acompañadas da súa notación musical, ben o merece”, sinalou.

 

Relatorios e obradoiros creativos

Neste sentido, avanzou que o sábado pola tarde terá lugar un relatorio arredor da singularidade do Pergamiño Vindel nas súas dimensións literaria e musical, mentres que o domingo se desenvolverá o obradoiro infantil Scriptorium. O mestre dos códices, pensado para que os nenos e nenas descubran as técnicas e materiais empregados na copia dos manuscritos durante a Idade Media. O pergamiño terá, así mesmo, unha presenza central no amplo expositor da Xunta de Galicia no recinto feiral, desde onde –entre outros programas– se informará da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que pode visitarse ata primeiros de marzo no Museo do Mar de Vigo.

En canto ao resto das actividades organizadas directamente por Cultura e Educación en Culturgal, haberá lugar para unha ampla variedade de presentacións como as dos proxectos Memoria Dixital de Galicia e Uxía-O, de publicacións como o último Caderno Ramón Piñeiro dedicado a Carlos Casares, dun estudo metodolóxico sobre a repercusión económica e social dos eventos culturais, do funcionamento do Centro Emprendemento Gaiás e dos ciclos Nadal no Gaiás e Pequefilms.

Como no caso destes dous últimos programas, o público infantil e escolar será tamén o obxecto da presentación dos programas pedagóxicos do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) e do espectáculo teatral de dinamización da lingua galega A galiña azul, así como de dous obradoiros de arquitectura organizados polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). As actividades da Xunta inclúen tamén as proxeccións de tres filmes do circuíto Cinemas de Galicia e do videoclip Nun mar azul para concienciar sobre o autismo.

Colaboracións con Portugal

Ademais, e tendo en conta que este ano Portugal é o país convidado na feira, a Consellería de Cultura presentará dúas accións arredor da literatura e da música en colaboración con diferentes institucións lusas: as Conversas Nortear e a 4ª Semana de Convergências Portugal-Galiza.

A apertura de Culturgal a outras culturas exteriores é unha das principais novidades da súa décima edición, xunto coa incorporación dun espazo propio dedicado á arte contemporánea con presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos. Esta sección súmase ás xa habituais dedicadas ao libro, ao audiovisual, ás artes escénicas, á música, ao deseño e ás novas tecnoloxías, ao tempo que amplía a superficie feiral ata máis de 5400 metros cadrados dedicados á cultura.

Un ano máis, a Asociación Culturgal, da que forman parte cinco asociacións profesionais –Escena Galega, Eganet, Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM)– que representan máis de 150 empresas do sector, encárgase da organización desta multitudinario evento, que o ano pasado congregou 15.000 visitantes.

 

Comparte