Nova: Un obradoiro de caligrafía medieval achegará os estudantes ao Pergamiño Vindel

14/11/2017

Un obradoiro de caligrafía medieval achegará os estudantes ao Pergamiño Vindel

Preto de 400 estudantes participarán desde hoxe e ata o 15 de decembro na actividade Scriptorium. O mestres dos códices, que se enmarca na programación que promove a Xunta de Galicia ao abeiro da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas

O secretario xeral de Cultura e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo visitaron a mostra que complementa a actividade e déronlles a benvida aos primeiros participantes do obradoiro, que se desenvolve en Redondela

 

  • Pergamiño Vindel Pergamiño Vindel

Redondela, 14 de novembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación organiza, a partir de hoxe e ata mediados de decembro, un obradoiro que baixo o título Scriptorium. O mestre dos códices pretende introducir os máis novos no mundo da escritura manuscrita e a iluminación de códices. Un xeito diferente de aproximarse ao Pergamiño Vindel que xa cumpriu un mes de estadía en Galicia, no marco da exposición que acolle o Museo do Mar de Galicia, e que continúa a espertar grande expectación entre o público.

Os martes e venres, desde hoxe e ata o venres 15 de decembro, alumnas e alumnos dos centros de ensino de Redondela poderán participar neste obradoiro que lles vai permitir coñecer e recrear o laborioso proceso de escribir e iluminar un pergamiño. O Multiúsos da Xunqueira, en Redondela, acolle a actividade, que deu comezo esta mañá.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves; e a concelleira de Cultura de Redondela, Teresa París, déronlle a benvida á trintena de alumnos e alumnas de 5º de primaria do CEIP Santo Paio de Abaixo que participaron no primeiro dos obradoiros, ademais de visitaren a mostra que acompaña a actividade e que está aberta a todo o público. Esta primeira xornada completouse cun segundo obradoiro no que participou alumnado de 1º de ESO do IES Illa San Simón.

O Pergamiño Vindel en Galicia

A Secretaría Xeral de Cultura está a impulsar unha serie de actividades arredor das cantigas de Martín Códax e da cultura do seu tempo. Trátase dunha programación dirixida a un público heteroxéneo que inclúe diferentes propostas para todas as idades, entre elas, travesías marítimas pola ría de Vigo, charlas-concerto baseadas en instrumentos medievais e un certame audiovisual dirixido ao ámbito educativo.

Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación de actividades que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver arredor da exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o 4 de marzo de 2018.

A exposición, promovida pola Xunta e a Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, exhibe o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax, seis delas con notación musical. O Pergamiño Vindel, xoia da lírica medieval galego-portuguesa, comparte espazo con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como con obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.

 

Comparte