Nova: A figura de Carlos Casares centra as xornadas formativas en literatura infantil e xuvenil

10/11/2017
A figura de Carlos Casares centra as xornadas formativas en literatura infantil e xuvenil
As xornadas formativas continuarán mañá sábado na Biblioteca Afundación
O secretario xeral de Política Lingüística participou esta tarde na inauguración do curso, organizado polo Ramón Piñeiro, o ICE da USC e a AELG
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017.- O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) e a Biblioteca Afundación acollen hoxe e mañá o XIV Curso de formación. A literatura infantil e xuvenil. Relacións texto-imaxe, que este ano xira arredor do tema Literatura e memoria: Carlos Casares no ensino. Na inauguración das xornadas, que tivo lugar na sede do CRPIH, participou esta mañá o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O secretario xeral valorou o acerto dos organizadores ao “escoller este ano o autor das Letras para desenvolver a XIV Curso de formación. A literatura infantil e xuvenil. Relacións texto-imaxe e difundir así a importante faceta que Casares desenvolveu como escritor para os máis novos, así como as posibilidades que ten o uso da súa obra no ensino preuniversitario”. Valentín García gabou tamén o traballo dos investigadores en literatura infantil e xuvenil (LIX) galega, que, a canda a calidade dos escritores, está permitindo que se difunda e se recoñeza a LIX escrita no noso idioma dentro e fóra de Galicia.
García Gómez estivo acompañado na mesa inaugural por Ana María Porto, directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago (USC) e codirectora do curso; Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Pedro Lucas Domínguez, director da Biblioteca Afundación de Santiago, e Blanca-Ana Roig, codirectora do curso e directora do proxecto Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil do CRPIH.
Carlos Casares no ensino
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; o Grupo de Investigacón LITER21 do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este XIV Curso de formación. A literatura infantil e xuvenil. Relacións texto-imaxe, que desta volta se centra na figura de Carlos Casares, o autor a quen se lle dedicou o pasado Día das Letras Galegas.
O curso, codirixido por Ana María Porto e Blanca-Ana Roig, ten como finalidade formar e informar sobre Carlos Casares como educador e escritor de LIX. O obxectivo é salientar a importancia das súas obras na formación lectora no ensino infantil, primario e secundario e demostrar que son imprescindibles na planificación da educación literaria. O valor destas xornadas reside en que este tipo de formación é xeralmente excluída, ou pouco ofertada, nos planos de estudos dos graos, malia a súa transcendencia en ámbitos básicos como a formación e comprensión lectora e escrita.
LIX no Centro Ramón Piñeiro
O CPRIH, dependente da Consellería de Cultura e Educación, ten a finalidade de promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Unha das súas liñas de investigación actual xira arredor do proxecto Investigación en literatura infantil e xuvenil, dirixido pola profesora Blanca-Ana Roig Rechou.
Este proxecto, creado a finais do ano 2012, abrangue os traballos que con periodicidade anual elaboran sobre LIX galega e doutros ámbitos lingüísticos a Rede Temática de Investigación As literaturas infantís e xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano (LIXMI), a Asociación galego-portuguesa de investigación en LIX ELOS, a Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia e o Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela LITER21 (GI-1819).