Nova: Chega ás librarías Suite Artabria de Manuel Lourenzo, XXII Premio Álvaro Cunqueiro da Agadic

10/11/2017

Chega ás librarías Suite Artabria de Manuel Lourenzo, XXII Premio Álvaro Cunqueiro da Agadic

Chega ás librarías a obra coa que Manuel Lourenzo gañou o XXII Premio Álvaro Cunqueiro da Agadic

Suite Artabria fai o número 22 da Biblioteca Dramática Galega, colección de textos teatrais coeditada pola Xunta e Xerais

Trátase dun conxunto de tres pezas (Orzán, O fulgor das atochas e Alerta na rúa do Pozo) concibidas como unha ruta por algúns dos espazos máis representativos da Coruña

 

  • Publicada Suite Artabria de Manuel Lourenzo, XXII premio Álvaro Cunqueiro da Agadic Publicada Suite Artabria de Manuel Lourenzo, XXII premio Álvaro Cunqueiro da Agadic

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017.- Suite Artabria, obra pola que o dramaturgo Manuel Lourenzo foi recoñecido co XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, acaba de chegar ás librarías nunha coedición da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) –entidade que convoca o galardón– e Edicións Xerais de Galicia.

Este título fai o número 22 da colección Biblioteca Dramática Galega, na que se editan tanto os textos recoñecidos co devandito galardón, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes para a dramaturxia en galego, como os gañadores do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, tamén promovido pola Agadic.

Suite Artabria está dispoñible, así mesmo, no catálogo da Libraría Institucional da Xunta para a súa compra en liña a través do portal https://libraria.xunta.gal. Coa súa publicación, materialízase a posibilidade incluída nas bases dos premios de literatura dramática da Agadic, no referente a que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións que se manteñen en colaboración con diferentes editoras galegas.

Con esta obra, Manuel Lourenzo alzouse por segunda vez co Premio Álvaro Cunqueiro, que xa recibira en 2009 por Flores de Dunsinane. Nesta ocasión, o texto do escritor do Valadouro foi elixido polo xurado entre un total de 38 orixinais recibidos.

Tres barrios e tres historias criminais

Suite Artabria é un conxunto de tres pezas (Orzán, O fulgor das atochas e Alerta na rúa do Pozo) concibidas como unha ruta por algúns dos espazos máis representativos da Coruña. Trátase dun paseo pola intimidade escura e visceral dunha cidade amada polo autor, por tres barrios nos que se desenvolve cadansúa historia criminal en ambientes marxinais e con personaxes absolutamente recoñecibles: perdedores, buscavidas, amargados, especuladores e corruptos enfróntanse a situacións límite.

A tonalidade da obra, que lles confire unidade ás tres pezas a modo dunha suite musical, introduce o lector nunha atmosfera abafante que se concreta no emprego dunha linguaxe directa, mais por momentos poética, moi axeitada para expresar, lonxe de todo costumismo, a deriva destes seres tristes e, ao tempo, dispostos a todo para garantir a súa supervivencia. Suite Artabria constitúese así nun mapa sombrío onde atopar a existencia auténtica dun mundo que case sempre permanece oculto para a ollada do lector/espectador

Vinculado desde os seus inicios ao teatro independente, Manuel Lourenzo (Ferreira do Valadouro, 1943) vén desenvolvendo a profesión teatral desde todas as frontes: dramaturgo, director, actor, teórico, divulgador, deseñador..., sempre co obxectivo de impulsar un teatro galego contemporáneo que non ignore as súas raíces históricas nin estéticas. Nesta dirección, está vinculado á posta en marcha de numerosas compañías como O Facho, Teatro Circo, Escola Dramática Galega, Compañía Luís Seoane, Club Teatral Elsinor ou Casahamlet.

Na súa faceta de dramaturgo, é autor de numerosas obras publicadas e premiadas, como A larva furiosa, As horas baixas, O circo da medianoite ou O glaciar. Ademais do Cunqueiro por partida dobre, ten no seu haber outros destacados recoñecementos como o Premio Nacional de Literatura Dramática, da Cultura Galega, Abrente, Artur Carbonell, Festival Internacional de Teatro de Sitges, Ditea, Rafael Dieste, Marisa Soto ou Maruxa Villanueva.

 

Comparte