Nova: A evolución animal e a dos instrumentos musicais centran o novo concerto do ciclo Do Audible 2017

05/11/2017

A evolución animal e a dos instrumentos musicais centran o novo concerto do ciclo Do Audible 2017

O Paraninfo da Universidade da Coruña acolle o 7 de novembro o programa Hibridación, coa estrea mundial da versión completa da obra de Juan Arroyo Saturnian Songs 

Achegarlle ao público as expresións culturais contemporáneas a través de formatos singulares é o obxectivo desta iniciativa promovida por Cultura e Educación en colaboración con Vertixe Sonora

Unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación pechará esta nova edición do ciclo, 23 de novembro na Casa do Saber de Lugo

 

  • Jeanne Maisonhaute  | Foto Vertixe Sonora Jeanne Maisonhaute | Foto Vertixe Sonora
  • Julio Parapar, profesor titular de Zooloxía da UDC | Foto Vertixe Sonora Julio Parapar, profesor titular de Zooloxía da UDC | Foto Vertixe Sonora

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2017.- Hibridación é unha arriscada proposta musical que, acompañada dunha conferencia do zoólogo Julio Parapar, propón unha viaxe pola evolución animal e musical nunha nova sesión do ciclo Do Audible 2017, organizado pola Consellería de Cultura e Educación –a través da Secretaría Xeral de Cultura–, en colaboración con Vertixe Sonora Ensemble.

A proposta chega o martes 7 de novembro, ás 20:30 horas, ao Paraninfo da Universidade da Coruña, retomando a programación da quinta edición deste ciclo, logo dos concertos ofrecidos o pasado mes de xuño en Pontevedra e Xinzo de Limia.

Mutacións acústicas e evolución animal

Julio Parapar, profesor na Universidade da Coruña e participante nas expedicións da Antártida (Ventart 2003 e Ventart 2006), é o convidado no programa Hibridación. Unha proposta que, partindo da evolución animal, fai un paralelismo cos instrumentos híbridos como resultado de mutacións acústicas que nos acompañan desde a orixe dos tempos. O programa presenta a estrea mundial da versión completa da obra de Juan Arroyo Saturnian Songs para conxunto e violoncello híbrido, coa participación de Jeanne Maisonhaute, solista do Cuarteto Tana. Inclúe tamén a interpretación de Room & Elbow de Abel Paúl, obra gañadora do XXVII Premio Jóvenes Intérpretes da Fundación SGAE-CNDM 2016.

Saturnian Songs, do compositor peruano Juan Arroyo, é unha reflexión sobre a cultura española a través de tres poemas, de Jorge Eduardo Eielson, García Lorca e Paul Verlaine. Cada movemento da obra está asociado aos tres actores claves do flamenco: o bailaor, o cantaor e o tocaor.

Do Audible celebra este ano a súa quinta edición na que afonda no obxectivo de abrir horizontes na creación musical contemporánea. A través de formatos singulares para a experiencia musical e coa complicidade de diferentes entidades internacionais, o ciclo ofrece unha programación que pon o foco no dinamismo da creación contemporánea, a través do diálogo entre diferentes disciplinas da arte e do pensamento.

Clausura da quinta edición

Para o último concerto, o 23 de novembro na Casa de Saber de Lugo, resérvase a que é unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación: L'Imaginaire, procedente de Estrasburgo. O grupo traballa coas obras de compositores contemporáneos como o faría un comisario de arte, pensando os proxectos en detalle, para interpretalos da mellor maneira e integralos no seu repertorio.

O programa, Recoller cascallos, presenta por primeira vez en España a obra dos compositores Filippo Perocco, Andrea Sarto e Nicolas Mondon.

Todas as sesións de Do Audible son ás 20:30 horas e de acceso gratuíto, ata completar a capacidade. Os concertos corren a cargo de Vertixe Sonora Ensemble, unha formación integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, que conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e xente do teatro e da danza.

A programación do ciclo está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal

 

Comparte