Nova: As mostras gañadoras do X proxecto Antonio Fraguas abren as súas portas no Museo do Pobo Galego

04/11/2017
As mostras gañadoras do X proxecto Antonio Fraguas abren as súas portas no Museo do Pobo Galego
Valentin García e Justo Beramendi presentaron hoxe Vedr@ medra, do CPI Plurilingüe de Vedra, e Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá, do monfortino IES A Pinguela
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas sobre patrimonio etnográfico é unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas e do Museo do Pobo Galego co apoio da Consellería de Cultura e Educación
As mostras poderán visitarse en San Domingos de Bonaval ata o día 17 de decembro
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2017.- As mostras gañadoras do X Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas, 'Vedr@ medra, unha aposta polo patrimonio inmaterial como eixe de dinamización lingüística e cultural nun centro educativo do rural galego', do CPI Plurilingüe de Vedra (A Coruña) e 'Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá', do IES da Pinguela de Monforte de Lemos (Lugo), abriron hoxe as sías portas no Museo do Pobo Galego.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de apertura valorando os proxectos destes dous centros educativos que “visibilizan e afondan no noso patrimonio, tanto no material como no inmaterial, do que forma parte a lingua galega”. García Gómez lembrou “que nós somos herdeiros desa cultura orixinal e diferente que nos fai ser pobo e temos a fortuna e a responsabilidade de transmitila e de recreala para facela viva e viable no século XXI”.
A canda el, interviron o presidente e o secretario da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi e Francisco J. Sangiao, respectivamente, así como o concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, Manuel Dios.
Proxecto Didáctico Antonio Fraguas
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a finalidade de achegar os estudantes ao patrimonio lingüístico e cultural galego. É tamén un xeito de lembrar a figura do eminente pedagogo que fora primeiro director do Museo do Pobo Galego, premiando a comunidade escolar polos seus esforzos cara á educación patrimonial, cara ao coñecemento da lingua e do medio e cara á valoración dos máis diversos elementos do noso acervo cultural a través de traballos sistemáticos de pescuda sobre o patrimonio da contorna dos centros escolares.
O proxecto do CPI Plurilingüe de Vedra consegue, a xuízo do xurado, non só implicar a comunidade educativa senón tamén distintos axentes sociais e culturais co fin de darlle valor á riqueza lendaria e sobre todo toponímica das parroquias e contorna do Concello de Vedra. Pola súa banda, o proxecto do IES A Pinguela presenta a novidade de poñer o acento na recollida das manifestacións plásticas na arqueoloxía e na arquitectura tradicional, así como a de procurar a súa proxección cara ao futuro con novas experiencias artísticas.
Os premios, entregados hai un ano, están dotados con 7000 euros cada un que se destinaron a materializar os proxectos gañadores nas exposicións que dende hoxe e ata o día 17 de decembro poden verse no Museo do Pobo Galego.