Nova: O certame Vindevídeos difundirá a literatura trobadoresca galega entre o estudantado

02/11/2017
O certame Vindevídeos difundirá a literatura trobadoresca galega entre o estudantado
Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística presentaron hoxe en rolda de prensa esta iniciativa coa que a Consellería de Cultura e Educación conmemora e acompaña a presenza en Galicia do Pergamiño Vindel
Trátase dun concurso escolar de vídeos en galego que promoven o coñecemento da nosa lírica medieval e contribúen a divulgar o seu valor
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2017.- O certame 'Vindevídeos' actualizará e difundirá entre o estudantado a literatura trobadoresca galega, no marco da programación conmmemorativa que a Consellería de Cultura pon en marcha co gallo da estadía en Galicia do Pergamiño Vindel. Así o deron a coñecer hoxe ao mediodía os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, na rolda de prensa na que presentaron o novo certame escolar, co que se quere acompañar a presenza en Galicia do Pergamiño Vindel e fomentar o coñecemento, tanto deste tesouro, como de toda a literatura medieval galega.
Anxo Lorenzo recalcou que “con esta actividade queremos que rapaces e rapazas sexan creativos e que teñan que recrear, é dicir, volver crear, o que no seu día fixo Martín Códax: con novos códigos, coas ferramentas audiovisuais coas que se manexan e cos seus propios recursos lingüísticos, en galego, xa que as cantigas están consideradas o berce da nosa lingua e da nosa cultura”. O responsable de Cultura avanzou que “ata marzo a Xunta despregará en toda a comunidade unha serie de actividades vencelladas á mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que desde a súa apertura recibiu xa máis de 7600 visitantes, entre elas, as duns 1500 escolares, a través de novos formatos e ámbitos de traballo que iremos dando a coñecer nas vindeiras semanas e cos que queremos facer partícipe o conxunto da sociedade galega”.
Actualizar a cultura trobadoresca desde o audiovisual
Pola súa banda, Valentín García incidiu na necesidade de estarmos orgullosos da nosa literatura medieval, “un tesouro en lingua galega que poucos países europeos poden igualar”. Ademais, o secretario xeral explicou que se convoca, da man dos equipos de dinamización da lingua galega, un certame de vídeos porque “a linguaxe audiovisual fai máis evidente a actualidade da cultura trobadoresca, así como as posibilidades de facela atractiva no presente e de convertela en semente; de creatividade e de cultura en galego para o futuro”.
O certame Vindevídeos está dirixido a alumnado e profesorado de centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que impartan ensinanzas sostidas con fondos públicos. Cada centro poderá enviar ao concurso un máximo de tres vídeos en calquera técnica cuxa temática estará relacionada coa cultura trobadoresca na que se xeraron as cantigas medievais galego-portuguesas.
Establécense dúas categorías, -para vídeos realizados con alumnado de educación infantil ou primaria e para vídeos realizados con alumnado do resto dos centros-, en cada unha das cales se outorgarán dous premios. O docente responsable de cada vídeo premiado recibirá unha certificación de innovación educativa cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado. O prazo para solicitar a participación e enviar os vídeos remata o 11 de decembro de 2017. As bases do certame poden descargarse en www.lingua.gal e en www.cultura.gal .
Un tesouro en sete cantigas
O certame Vindevídeos é unha das múltiples iniciativas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está desenvolvendo para acompañar e difundir a presenza en Galicia do Pergamiño Vindel, abriu as súas portas o pasado 10 de outubro no Museo do Mar de Vigo e se poderá visitar ata o mes de marzo na exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas.
Esta mostra, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Universidade de Vigo, baixo o comisariado de Francisco Singul, exhibe por primeira vez ante o público galego o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo de Martin Codax, seis delas coa notación musical. O Pergamiño Vindel, xoia da lírica medieval galego-portuguesa, dialoga na exposición con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como con obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.