Nova: A fotografía aérea aplicada ao estudo do patrimonio cultural centra a nova mostra do Museo Arqueolóxico de Ourense

06/10/2017
A fotografía aérea aplicada ao estudo do patrimonio cultural centra a nova mostra do Museo Arqueolóxico de Ourense
Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia inaugurouse hoxe na Sala de Exposicións de Afundación, onde permanecerá ata o 10 de decembro
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou no acto de apertura o interese da mostra para a dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio cultural
Ourense, 6 de outubro de 2017.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe, na Sala de Exposicións de Afundación, a mostra Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia, organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e que permanecerá na cidade das Burgas ata o vindeiro 10 de decembro. Comezará despois a súa itinerancia a distintos puntos de Galicia.
Anxo Lorenzo destacou que as fotografías da mostra “son imaxes globais de xacementos arqueolóxicos, de paisaxes históricas e do patrimonio arquitectónico galego que contribúen ao coñecemento e á difusión do noso acervo cultural”. Para o secretario xeral de Cultura, “recupera e pon en valor a memoria arqueolóxica e o traballo dos que nos precederon”.
No acto de inauguración estiveron presentes tamén o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; a padroeira de Afundación Mercedes Rozas e o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez.
A exposición componse de 29 paneis que reflicten a evolución das técnicas da fotografía aérea aplicadas á arqueoloxía. As fotografías explican os diferentes tipos de xacementos, con especial incidencia nos castros, pero nos que tamén están presentes os xacementos romanos ou o patrimonio medieval. Castros marítimos, como o de Baroña; no cume dun outeiro, como o de San Cibrao de Las; vías romanas, como a da Ponte Bibei, na Pobra de Trives ou fortalezas medievais, como as Torres do Oeste de Catoira, pódense observar desde unha perspectiva pouco común.
Un proxecto do Instituto Padre Sarmiento
O Museo Arqueolóxico de Ourense, que depende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, reivindica tamén con esta exposición un proxecto realizado a comezos da década dos 90 pola Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, herdeira da do Seminario de Estudos Galegos. Unha iniciativa que logrou situar a arqueoloxía galega na cabeza destes estudos, e que caeu despois no esquecemento.
A exposición Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia inscríbese nunha das liñas expositivas do MUPOu, a da recuperación da memoria arqueolóxica e a difusión do papel da fotografía aérea como técnica auxiliar da arqueoloxía e os inicios da súa aplicación en Galicia.