Nova: O filme A praia dos afogados chega mañá ao Pereiro de Aguiar no marco do Redecinema

21/09/2017

O filme A praia dos afogados chega mañá ao Pereiro de Aguiar no marco do Redecinema

O concello ourensán acolle unha nova proxección do programa de dinamización lingüística impulsado pola Consellería de Cultura

A cita é, con entrada libre e de balde, na praza do Concello, ás 21,30 horas

  • A praia dos afogados en Redecinema

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2017.- O filme A praia dos afogados chega mañá, venres, ao concello ourensán do Pereiro de Aguiar en formato de cinema de verán, no marco da segunda edición do programa de dinamización lingüística Redecinema das secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura e mais da Agadic, da Consellería de Cultura. A cita é, con entrada libre e de balde, ás 21,30 horas (en caso de choiva, na aula multiusos do Centro de Día).

A praia dos afogados é un thriller baseado na novela homónima do escritor Domingo Villar que narra a historia da investigación de dous policías, Leo Caldas e Rafa Estévez, arredor dunha morte que comeza como suicidio e remata en asasinato. Dirixido por Gerardo Herrero e protagonizado por Carmelo Gómez e Antonio Garrido, inclúe na ampla nómina de actores e actrices galegos e galegas tan coñecidos como Tamar Novas, Celso Bugallo, Luís Zahera, Marta Larralde, Pedro Alonso, Déborah Vukusic ou Carlos Blanco, entroutros.

 

Audiovisual galego e en galego

A iniciativa, que está a chegar desde xullo a 22 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, inclúe tamén como títulos en carteleira os filmes 9Ondas e Maimiño e o espello máxico. O programa ten como finalidades promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego. Toda a información e calendario atópanse na páxina web da Lingua Galega.

A RDL é un proxecto compartido entre a Administración autonómica e local, no que tamén participan outras entidades que redundan na promoción do uso social do idioma propio de Galicia, co que se busca impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego desde o ámbito local. Os seus principais obxectivos son os de promover a cooperación e a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles para levala adiante.

Comparte