Nova: O cine Zárate, de Mugardos, xa forma parte do Catálogo de Patrimonio

03/08/2017

O cine Zárate, de Mugardos, xa forma parte do Catálogo de Patrimonio

A Dirección Xeral de Patrimonio vén de resolver o expediente para a preservación deste ben inmoble que data de 1924

O cine inclúese no Catálogo coa categoría de Monumento

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria —a través da Dirección Xeral de Patrimonio— vén de resolver a inclusión do cine Zárate, en Mugardos, no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia como ben inmoble coa categoría de Monumento, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).

Desde o punto de vista da relevancia cultura, o cine Zárate representa unha testemuña da identidade mugardesa nun período de prosperidade económica e social asociada á industria conserveira e aos movementos migratorios. Así, o seu valor non reside exclusivamente na súa singularidade material, senón tamén na vinculación co contexto socio-económico da época, que posibilitou o desenvolvemento da cultura do lecer. Polo tanto, as particularidades técnicas do cine Zárate deben valorarse xunto coa súa dimensión como elemento da identidade local e a súa repercusión na sociedade mugardesa e na súa cultura.

O cine Zárate foi inaugurado en maio de 1926, cunha sala cinematográfica deseñada polo arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, quen creou un edificio ecléctico, seguindo a moda da época, e recoñecible noutras salas da Coruña, Pontevedra ou Vigo. Destaca sobre todo a riqueza decorativa da súa fachada principal, cuxo colorido anuncia o modernismo.

Ao longo das décadas o inmoble pasou por distintas mans e foi remodelado en diferentes ocasións ata o seu peche ao público definitivo en 1969. Durante décadas foi o principal centro de lecer en Mugardos, onde ademais de proxeccións cinematográficas, se ofrecían espectáculos de teatro e bailes, e incluso mitins nos anos anteriores á II República.

Comparte