Nova: O CGAI manterá a súa sede na Coruña durante 20 anos máis

12/07/2017

O CGAI manterá a súa sede na Coruña durante 20 anos máis

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o concelleiro de Culturas da cidade herculina asinaron un convenio de renovación ata o 2037

  • O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o concelleiro de Culturas da cidade herculina asinaron hoxe un convenio polo que a filmoteca galega mantén a súa localización O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o concelleiro de Culturas da cidade herculina asinaron hoxe un convenio polo que a filmoteca galega mantén a súa localización

A Coruña, 12 de xullo de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Coruña asinaron esta mañá un convenio que permitirá ao Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) manter a súa actual sede na cidade durante 20 anos máis, prorrogables de así desexarse ao termo deste prazo.

O CGAI abriu as súas portas na rúa Durán Loriga, no antigo edificio de Facenda, de propiedade municipal, en 1988. Dende ese momento, vén prestando servizo no mesmo lugar, salvagardando o patrimonio audiovisual galego. Conta ademais cunha sala con programación regular, na que se proxecta cine actual de autor e filmes esenciais da historia do medio de todas as épocas.

Neste mesma sala, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, asinantes do convenio, expresaron esta mañá a súa satisfacción por este acordo. O texto garante o futuro na cidade do CGAI, proporcionándolle unhas instalacións de 700 metros cadrados distribuídos en tres andares, onde se atopan as súas oficinas administrativas, o seu arquivo fotográfico e fílmico, a súa biblioteca e o espazo para de proxeccións.

Acádase tamén unha maior colaboración entre o Concello e o CGAI, xa que o documento rubricado especifica que se procurará a organización de actividades conxuntas de interese mutuo. Deste xeito, a filmoteca poderá ceder a sala para proxeccións do concello ou prestar asesoramento para a dixitalización e o almacenamento do material audiovisual do arquivo histórico coruñés. Preténdese así regularizar unha situación que xa se vén dando de forma natural entre as dúas institucións nos últimos tempos. Por exemplo, na celebración dos 25 anos das bibliotecas municipais o pasado decembro, o CGAI proxectou Fahrenheit 451, de François Truffaut, en colaboración coa entidade local.

Arquivo de 11.000 películas

Na súa intervención, o director da Agadic gabou o labor levado a cabo polo CGAI nos seus 27 anos de funcionamento e destacou a dimensión do seu arquivo, que custodia 3.000 copias en celuloide, case 8.000 en vídeo e preto de 10.000 carteis de películas, entre outros materiais. Fixo referencia tamén aos eloxios que recibe a súa programación por parte do público cinéfilo de toda España, o que o sitúa como referente no contexto das filmotecas públicas de todo o Estado. Jacobo Sutil citou expresamente a transcendencia da actividade didáctica do CGAI, a través de apartados como Cinema en curso, Fotografía en curso, CinED ou GGAI Júnior, “que contribúen á formación en cine da mocidade galega, con programas moi pioneiros no eido educativo”, asegurou.

O CGAI asegura así a súa permanencia na Coruña, unha localidade que sempre foi “moi cinematográfica”, como destacou o director do CGAI, Guillermo Escrigas, na presentación. Algunhas das primeiras tomas de Galicia foron recollidas na cidade por Ángel Blanco. Estas poden consultarse na Filmoteca grazas ao fondo depositado polo reputado fotógrafo Alberto Martí. Na breve proxección que tivo lugar trala sinatura do convenio, amosáronse fragmentos destes filmes e doutros como Botadura del acorazado Alfonso XIII España, de 1913; ou Miss Ledyia, a primeira ficción galega, na que participou activamente Alfonso R. Castelao.

Comparte