Nova: Galicia incorpórase ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España en representación das comunidades

10/07/2017

Galicia incorpórase ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España en representación das comunidades

O acordo aprobouse durante a reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura, que contou coa participación de Anxo Lorenzo

Na xuntanza, a Consellería de Cultura tamén confirmou a súa participación nun proxecto de cesión de fondos bibliográficos para enriquecer a colección da Biblioteca de Galicia con preto de 30.000 volumes

  • Anxo Lorenzo asistiu ao encontro, presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo Anxo Lorenzo asistiu ao encontro, presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo

Madrid, 10 de xullo de 2017.- Galicia incorpórase ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España (BNE) en representación das bibliotecas das comunidades autónomas, xunto con Euskadi e con Cataluña. A designación, que ten carácter rotatorio, aprobouse durante a reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura, que tivo lugar no Museo Nacional do Prado, en Madrid.

Durante o encontro, que estivo presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, confirmou o interese en formar parte do proxecto polo cal a Biblioteca Nacional de España lles cederá ás comunidades autónomas máis de un millón de exemplares das primeiras edicións publicadas desde a década dos cincuenta ata o ano 2011, procedentes do depósito legal. A través desta iniciativa, estarían dispoñibles para a Biblioteca de Galicia preto de 30.000 volumes, moitos deles descatalogados, que pasarían a enriquecer e a completar o patrimonio bibliográfico galego.

As obras ofrecidas polo Ministerio proceden dos terceiros exemplares de cada primeira edición depositada na Biblioteca Nacional de España desde 1958 ata 2011, ano no que a nova Lei de depósito legal estableceu que a institución debe conservar polo menos dous exemplares, fronte aos tres recollidos no marco normativo anterior.

Contra a revenda masiva de entradas

Na reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura –da que forman parte forman parte os representantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e mais das cidades de Ceuta e Melilla– tamén se aprobou un plan de traballo para loitar contra a revenda masiva de entradas de espectáculos a través de internet, co fin de definir as medidas necesarias a desenvolver polas comunidades autónomas para subsanar esta situación.

Impulso á industria do videoxogo

Así mesmo, aprobouse a creación dun grupo de traballo que, en colaboración coa industria do videoxogo, elaborará un plan específico de desenvolvemento, creación e produción de videoxogos en España. O plan incluirá medidas destinadas a establecer e a fortalecer o crecemento dos estudios españois, accións para asegurar o acceso ao financiamento e medidas no ámbito formativo para adaptar a oferta regrada á demanda de profesionais para o tecido industrial. Tamén se impulsarán medidas fiscais similares ás xa adoptadas noutros países membros da Unión Europea.

Comparte