Nova: Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o labor a prol do galego de Sandra Piñeiro, Xurxo Mariño e Ponte... nas ondas!

29/06/2017

Os Premios Lois Peña Novo recoñecen o labor a prol do galego de Sandra Piñeiro, Xurxo Mariño e Ponte... nas ondas!

Soutomaior acolle a entrega da XXIII edición destes galardóns nos que a Cultura colabora coa Fundación Lois Peña Novo

 

  • A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! foi unha das premiadas

Soutomaior, 29 de xuño de 2017.- Os Premios Lois Peña Novo recoñecen na súa XXIII edición o labor a prol da normalización da lingua galega da maxistrada Sandra Piñeiro, do profesor Xurxo Mariño e da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas Ondas! A cerimonia de entrega destes galardóns nos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Fundación Lois Peña Novo, celebrada no castelo de Soutomaior, contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

García Gómez felicitou tanto os premiados como á fundación, “polo acerto de promover o uso do galego en ámbitos cada vez máis extensos e variados”. A este respecto, sinalou o “efecto multiplicador que ten o labor profesional e ben feito en galego que os premiados fan nos seus espazos de traballo e de intervención e que se converte nun exemplo e un referente para os compañeiros que os rodean e a cidadanía en xeral”.

No acto -que mantivo a secretaria da fundación, Carme P. Vaquero- participaron tamén o rexedor municipal; o presidente da Fundación Lois Peña Novo, Xosé González; a académica da lingua galega Fina Casalderrey; e o deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal.

Xustiza, ciencia, cultura e educación
Na XXIII edición dos Premios Lois Peña Novo foron galardoados a maxistrada Sandra Piñeiro -quen recibiu o premio de mans do alcalde de Soutomaior-, o neurofisiólogo Xurxo Mariño -que o recolleu de mans da académica da RAG Fina Casalderrey- e a Asociación Ponte nas Ondas -a quen llo entregou o secretario xeral de Política Lingüística.

Sandra Piñeiro Vilas, maxistrada no Xulgado do Social nº 3 de Lugo, desenvolve a súa actividade profesional en galego dende o momento mesmo do seu ingreso na carreira xudicial en 2005, polo que leva ditadas máis de 4 000 sentenzas e 10 000 autos na lingua propia de Galicia que crearon un corpus documental de gran riqueza para o noso idioma. O xurado destacou “a súa constancia nese maxisterio galeguizador” que fixo “que moitos avogados e avogadas así como funcionarios e funcionarias e outros axentes xurídicos seguisen o seu exemplo, dándolle prestixio ao noso idioma no ámbito xudicial”.

Xurxo Mariño Alfonso é neurofisiólogo, doutor en Bioloxía, profesor da Universidade da Coruña (UdC) e comunicador científico, alén de membro da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega e do grupo de investigación Neurocom da UdC. O xurado destacou o seu exercicio da docencia na nosa lingua, modelo para o seu alumnado e para o resto da comunidade universitaria, así como o seu labor de “difusor incansable da ciencia en galego”, que o levou a artellar espazos orixinais como os Cafés-teatro Científios, os Discurshows ou Os Monólogos.

Difusión do patrimonio inmaterial
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas, recoñecida pola Unesco como consultora en temas de patrimonio inmaterial, vén desenvolvendo dende hai máis de 20 anos un labor de transmisión e de posta en valor do patrimonio inmaterial común entre Galicia e Portugal no que, a dicir do xurado, “a lingua é soporte da experiencia da asociación”, que se desenvolve “a través da radio, internet e/ou a dinamización da cultura popular”.

O xurado da XXIII edición dos Lois Peña Novo estivo composto por Xosé Manuel Cid, doutor en Pedagoxía e profesor da Universidade de Vigo; Consuelo Castro Rey, xefa da Avogacía do Estado en Galcia; Xurxo Martínez González, investigador e técnico de normalización lingüística do Concello de Redondela; Flora Miranda, médica e política; Xosé M. García Crego, xubilado da industria editorial, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo.

Fundación Lois Peña Novo
A Fundación Lois Peña Novo, creada en lembranza de quen foi impulsor do uso do galego nos concellos e administracións públicas galegas, ten entre os seus obxectivos a promoción e a difusión do idioma no marco das administracións públicas, das empresas que manteñan relación directa con elas e da sociedade en xeral. Co fin de apoiar este cometido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén colaborando desde hai anos con esta entidade na convocatoria dos Premios Lois Peña Novo, que nas súas vinte e tres edicións lles foron concedidos a entidades e persoas cunha destacada contribución ao labor de fixar e estender o uso da lingua galega.

Comparte