Nova: A Libraría Institucional da Xunta de Galicia ten ao dispor da cidadanía preto de 2.000 publicacións

27/06/2017

A Libraría Institucional da Xunta de Galicia ten ao dispor da cidadanía preto de 2.000 publicacións

A plataforma en liña para a venda e distribución do fondo editorial do Goberno autonómico conta con 654 usuarios rexistrados segundo o informe presentado hoxe na reunión do Consello Coordinador de Publicacións

En 2016, a Xunta de Galicia editou un total de 424 publicacións
 

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2017.- A Libraría Institucional da Xunta de Galicia ofrece un total de 1.988 publicacións en formato electrónico e impreso editadas polo Goberno autonómico e polos seus organismos dependentes. O último informe sobre a actividade da plataforma, www.libraria.xunta.gal, foi presentado hoxe na reunión do Consello Coordinador de Publicacións,

A aprobación do plan semestral de publicación do segundo semestre de 2017 e da Memoria de publicacións de 2016, xunto con diferentes acordos en materia de identidade corporativa, foron outros dos puntos que se abordaron nesta nova xuntanza de traballo do Consello Coordinador de Publicacións, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, vicepresidente deste órgano; da subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal González; e doutros representantes da Consellería de Cultura e Educación, así como de Presidencia e de Vicepresidencia da Xunta de Galicia, das Consellerías de Sanidade, de Política Social, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Infraestruturas e Vivenda, do Mar e de Economía, Emprego e Industria.

Actividade editora en 2016
En 2016, o Goberno galego editou un total de 424 publicacións, o 53,3% en soporte papel e o 46,7% restante, en soporte dixital. Todas elas foron aprobadas pola Comisión Permanente de Publicacións, que mantivo 51 reunións, realizadas semanalmente.

Máis de 2.500 descargas
Desde o 1 de xaneiro e ata o 19 de xuño, a Libraría Institucional da Xunta de Galicia rexistrou 2.555 descargas de publicacións en formato pdf. A máis demandada foi a Guía para a conservación da biodiversidade agraria de Galicia (222), seguida de Variedades autóctonas de tomates de Galicia (77) e Violencia de xénero. Procedemento de intervención en saúde (62). Neste mesmo período, as publicacións non venais máis distribuídas foron Manual de horta ecolóxica (34), Uxío Novoneyra. A voz herdada (26) e A rosa (13), de Camilo José Cela. En canto ás publicacións venais, as máis solicitadas foron Aula de galego 4: Curso de galego (89), Guía para a renovación do carné básico de usuarios profesionais de produtos fitosanitarios (60), Aula de galego 2: Curso de galego e Aula de galego 3: Curso de galego.

Libraria.xunta.gal
En desenvolvemento da Lei do Libro e da Lectura de Galicia, a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2015 a Libraría Institucional da Xunta de Galicia, un portal en liña para a venda e distribución do seu fondo editorial. Esta plataforma, accesible a través de www.libraria.xunta.gal, ofrece un servizo directo e próximo á cidadanía, para acceder ás obras de carácter bibliográfico editadas pola Administración autonómica e os seus órganos dependentes.

Trátase dun servizo transversal coordinado pola Secretaría Xeral de Cultura, pola Amtega no ámbito tecnolóxico e polo Cixtec (dependente de Facenda) para a xestión de pagamentos en liña, e que implica o conxunto das consellerías da Xunta de Galicia. Con esta plataforma (tamén adaptada para o seu uso nos dispositivos móbiles e tabletas), a Administración autonómica concentra a oferta de todo o seu fondo editorial, tanto de difusión gratuíta como comercial, e pono á disposición do conxunto da cidadanía e das librarías.

A creación da Libraría Institucional supuxo a centralización da distribución e da comercialización do fondo editorial do Goberno autonómico, tanto en formato físico coma electrónico, cunha xestión directa da Administración. No caso das publicacións gratuítas non descargables tan só se aplican gastos de transporte cando se solicita o seu envío físico, e as publicacións venais (de pago) manteñen o seu prezo de venda ao público, cun pagamento que pode realizarse a través do propio web ou mediante transferencia bancaria.

Comparte